Hórreo da Igrexa

Hórreo da Igrexa - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Beatriz Pereiras

Situado nunha finca privada, na parte traseira da vivenda á que pertence.

A cimentación é unha repisa alta de cachotaría de granito duns 50 centímetros de altura. Os soportes son catro cepas de pedra, coa pedra superior máis ancha e cos ángulos redondeados a xeito de moldura. O gabinete do oeste está pechado polo norte con ladrillo e polo sur con restos dunha porta de madeira. O gabinete do leste úsase para gardar leña. O tornarratos é unha peza corrida ó longo do corpo do hórreo. Ten tres claros, non conservando o peche de madeira no lateral leste, só unhas táboas novas no claro sur, mentres que no lateral oeste si conserva os balaústres de madeira, en moi mal estado e sen cintas. O claro do leste emprégase para gardar leña. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra, esta última moldurada. O penal dianteiro é de pedra, non conservando a folla de madeira da porta, co van da porta rematado en arco de medio punto; e o penal traseiro tamén é de pedra con catro fendas de ventilación horizontais. Ten sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. No pinche traseiro presenta un motivo decorativo, un círculo en relevo coa parte interior convexa e cun pequeno orificio de aireación no interior (aire do pinche). Cubrición de uralita. Remates: cruz latina baixa cos extremos ensanchados cuadrangulares, de sección cilíndrica; e na parte traseira un talo cunha grande bóla e sobre base cuadrangular. Orientado ao NE.

No 2010, di a propietaria que é moi antigo, de máis de cen anos, que coida que a súa nai (de máis de noventa anos) tampouco lle acordaba de facer o hórreo. Pola factura parece, certamente, de certa antigüidade.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO176
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: A Igrexa
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Mala, apenas conserva os balaústres de madeira, e os que mantén están en moi malas condicións. A cubrición orixinal foi substituída por uralita.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 76)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Manselle

Hórreo de Rial da Lagoa

Hórreo de Rialiño

Hórreo de Dodriño