Hórreo de Manselle

Hórreo de Manselle - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Beatriz Pereiras

Localizado na Aldea de Abaixo, no peche dunha finca privada, na parte traseira da casa, detrás do lugar coñecido como A Eira.

Fermoso exemplar de hórreo mixto, e de gran tamaño. A cimentación é unha repisa alta de cachotaría de granito, de aproximadamente 1,50 metros de altura. Os soportes son seis cepas de pedra, rematadas na parte superior nunha pedra troncopiramidal invertida, a xeito de moldura, agás a cepa sur, que está feita nunha soa pedra e ten un remate superior rectangular. Os gabinetes ou pasaventos están pechados con ladrillo e con malla metálica e portas de chapa para gardar os animais.  O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten cinco claros, con balaústres de madeira e dúas cintas, con dúas portas de madeira no lateral oeste. Non ten linteis. Columnas de pedra e cornixa de madeira. Penal dianteiro de pedra con porta de madeira, e penal traseiro de pedra con dúas fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Armazón de madeira e cubrición de uralita e tella do país por riba. Remates: cruz latina alta florenzada con botón central e ángulos en chafrán, sobre base troncopiramidal; e pináculo piramidal moi groso. Orientado ao NE.

No 2010, segundo os veciños tería máis de cen anos. Por tipoloxía tamén parece ser antigo.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO185
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Manselle
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Mala, coa madeira en mal estado e con introdución de materias de construción modernos, como o ladrillo e o metal nos gabinetes ou a uralita na cubrición. A pedra precisaría de ser limpa.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 96)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Rialiño

Hórreo de Revixós

Hórreo de Paizal

Hórreo de Reboiras