Eira de Traxeito (3 hórreos)

Eira de Traxeito - Dodro - Santa Xián de Laíño

Imaxe: Concellería de Cultura e Patrimonio | Concello de Dodro

A Eira de Traxeito é un espazo comunitario dedicado, no seu tempo, ás labores de malla do trigo, avea ou centeo que se gardaba nos hórreos que a rodeaban e que se conservan tres, aínda que un deles en moi mal estado. Foi restaurada polo Concello de Dodro no ano 2010 coa colocación de pedra no seu chan e uns bancos de pedra para desfrute dos veciños. Actualmente é utilizada polo Concello para a realización de actividades culturais.

Nesta eira había orixinalmente un cuarto hórreo, no ángulo SE, que foi levado de aí para a aldea de Paizal. No 2010, segundo relatou un veciño, nesta Eira mallábase con manlle, que o chan era de barro e que no centro da mesma había enterrado un pote de fundición para que ao mallar fixese ruído.

A aldea de Traxeito está considerada no PXOM de Dodro como “Conxunto Histórico” por ser un núcleo concentrado con predominio da casa rural de pedra sobre a moderna rodeada de numerosos anexos que, co tempo, mudaron de usos. Entre as vivendas hai un complexa rede viaria, condicionado na maioría dos casos polas pendentes.

O hórreo situado ao norte, trátase dun fermoso exemplar de hórreo mixto de tamaño considerable. Cimentado nunha repisa de cachotaría de granito de gran altura, duns 2,5 metros de altura (situado nunha costa). Os soportes son cinco cepas de pedra con moldura na parte superior das cales tan só a cepa do norte é a orixinal en pedra, as demais teñen a parte da moldura en cemento. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten catro claros con balaústres de madeira e dúas cintas. Con porta de madeira no lateral leste. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra. Penal dianteiro de pedra con porta de madeira e penal traseiro tamén de pedra sen ventilación. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de tella do país. Remates: fermosa cruz latina con molduracións e remates florenzados con botón central, sobre base en escocia; e pináculo en forma de anforeta rematada nunha gran bóla e sobre base cuadrangular. Orientado ao NW.

O hórreo localizado ao oeste, o peor conservado dos tres, está cimentado nunha repisa de cachotaría de granito de factura moi ruda, cuberta en parte por vexetación. Ten unha altura de 2,4 metros, levantándose nunha costa. Os soportes son catro cepas de pedra de factura ruda e encintadas con cemento, coa pedra do extremo superior máis ancha e de esquinas redondeadas. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten tres claros, pechados orixinalmente con balaústres de madeira e dúas cintas, estando a madeira en moi mal estado de conservación, perdéndose no lateral leste nos dous primeiros claros. Ten unha porta de madeira na parte central do hórreo nos dous laterais do hórreo, enmarcadas ambas con columnas de pedra, aínda que a do lateral leste non conserva a folla de madeira. Non ten linteis, as columnas asentan directamente no tornarratos. Columnas e cornixa de pedra. Os dous penais son de pedra, o do norte con seis fendas de ventilación horizontais e o do sur sen ventilación. Os pinches son tamén de pedra. Só conserva unha sobrepena sobre o pinche sur. Non conserva a cubrición nin os remates. Orientado ao NW.

O hórreo emprazado ao sur, está cimentado nunha repisa de cachotaría de granito encintada con cemento, de máis altura no lateral oeste, onde alcanza uns 2,5 metros de alto, mentres que no lateral leste ten uns 40 centímetros de altura. Os soportes son tres cepas de pedra, cos gabinetes pechados con cemento con fendas de ventilación horizontais, e con portas de madeira e malla metálica no lateral oeste, empregados actualmente como galiñeiro. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten tres claros, con balaústres de madeira e dúas cintas, con porta de madeira pintada de verde no lateral leste. No lateral oeste os claros están pechados con ladrillo. Columnas e cornixa de pedra. Penal dianteiro de pedra con porta de madeira, e penal traseiro tamén de pedra, sen ventilación. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. No pinche dianteiro é visible a data de construción: 1928. A cubrición é de tella plana. Remates: cruz latina alta de sección cuadrangular sobre base cilíndrica e esta sobre escocia; e pináculo piramidal moi estilizado rematado en bóla ovoide angulosa. Orientado ao NW. Data de 1928 segundo reza no frontispicio.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO015
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: Século XX
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Traxeito
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    A eira foi restaurada fai uns anos. Dous dos hórreos atópanse nun bo estado de conservación, mentres que o situado ao leste está nun estado ruinoso.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 174, 175 e 176)

    Sendeiros de Dodro

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Rial da Lagoa

Hórreo de Castro

Hórreo de Manselle

Hórreo de Eiró