Río de San Lufo

Río de San Lufo - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Sendeiros de Dodro | Concello de Dodro

O nome Lufo semella voz antiga, debe ser xermánico, relacionado coa partícula ufe/ulfe, lobo. Non hai no Nomenclátor ningún outro Lufo agás o de Dodro. Tamén se coñece como río de Vigo e chámanlle, augas abaixo da aldea de Vigo, río do Cabalo porque os chaláns abeberaban nel os animais cando ían á feira a Padrón.

Nace moi preto de Pexegueiro e do Castro de Traxeito, discorren as súas augas por Traxeito, Paizal, Rialiño, continuando o seu percorrido por Susavila, Dodriño e Vigo para desembocar no río Ulla tras percorrer pouco máis de 5 quilómetros.

A primeira referencia escrita que se atopa sobre o río de San Lufo é do Pai Sarmiento na súa viaxe de 1754. Menciónao Madoz no seu Diccionario como San Luf, describindo o ritual, e aparece tamén no Catastro de Ensenada como San Lufe. Neste río bañaban os nenos enfermos, somerxéndoos na corrente do río para salvalos do mal que padecian, superstición xurdida de antigas crenzas.

Lémbrase en Dodro o día no que, cansados dos abusos do Marqués de Bendaña, os mozos que o portaban botárono ao río dentro do palanquín no que ía á Igrexa de Santa María de Dodro a oír misa. Guindárono ao pasar pola ponte do San Lufo, para escarmentalo polo infame dereito de pernada, o ius primae nocti, que após foi abolido pola Constitución de 1812.

Río arriba do lugar onde se facía o rito, o Pai Sarmiento menciona a mediados do século XVIII a Ermida de San Lufo, porén xa non se cita nos Libros de fábrica de Dodro, que empezan no 1790. Actualmente non se conserva a ermida.

O río está vinculado a vellas tradicións, consideradas como antigas supersticións. Nas súas augas somerxíanse tres veces os nenos que padecían algún mal, bañábanos coa camisa posta nun meandro do río, á beira do prado do cura, arriba da ponte que dá acceso á aldea de Vigo. Deixaban ir a camisa polo río e poñíanlle outra nova. Se a camisa flotaba o neno viviría, mais se afundía considerábase mala sinal. Acudía xente de moi lonxe para curar os meniños e despois quedaban as beiras do río cheas de camisiñas brancas. A tradición persistiu até o século XX e foron moitos os nenos que se mergullaron nas súas augas en secretas noites de luar.

Frei Martín Sarmiento escribía, na súa viaxe de 1754 o seguinte:

"A Vigo, e aquí a casa do marqués de Abendaña e a súa data 1643; e antes está o río ou regato de San Lufo, porque río arriba está unha ermida de San Lufo. Hai aquí a superstición de bañar os nenos enfermos neste río. Lévanos con camisa, báñanos tres veces, e despois deixan ir a camisiña polo río e póñenlle outra nova. Se a camisiña flota, din ser sinal de que vivirá o neno, e se se vai ao fondo, que morrerá".

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Brañas de Laíño

Río de San Lufo

Río da Arregañada

Porto do Deza