Pazo do Marqués de Bendaña

Pazo do Marqués de Bendaña - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Estanislao Pérez Artime (1905)

O Pazo do Marqués de Bendaña estaba cinguido por un bosque de piñeiros e carballos. Atribúeselle a creación a Marcos Fandiño. Destacaba a torre, de planta rectangular que o presidía, sobre o patio de honra das casas que o rodeaban. Era unha valiosa mostra do barroco galego, en concreto compostelán. Tiña unha balconada que corría ao longo da fachada á altura do primeiro andar. Posuía gárgolas nas catro esquinas e un escudo historiado baixo o beiril.

O brasón estaba constituído por cinco pedras armeiras divididas en seis cuarteis: unha flor de lis, orixinaria dos Florín; unha especie de reixa que substituía o axadrezado da casa de Valadares; unha torre con dous leóns; dez lanzas flanqueando o piñeiro dos Caamaño; as faixas dos Ribeira e a serea nadando nas ondas do Mariño de Lobeira. Os Bendaña tamén estaban emparentados cos Moscoso, os Ulloa, os Soutomaior e os Romai. As vicisitudes do pazo foron o lazo de unión entre as familias de máis prosapia de Galicia.

O Pazo do Marqués de Bendaña xa existían a comezos do século XVI. O edificio construíuse despois en estilo barroco, dos séculos XVII e XVIII, conforme relata Ángulo del Castillo no “Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia”, sendo unha fermosa mostra do barroco compostelán.

O Couto Redondo de Dodro e Lestrobe foi potestade do Marqués de Bendaña. Remóntase a súa xenealoxía a don Marcos Fandiño, devanceiro tamén dos señores da Torre de Goiáns en Boiro. Na segunda metade do século XVII, don Carlos de la Torre Romay e Soutomaior, herdou este pazo e o da Torre do Monte en Padrón. A súa filla Xoana casará con don Xoán Benito Piñeyro e Ulloa, que será o segundo Marqués de Bendaña, permanecendo o título do marquesado nesta familia. O Concello de Dodro ostenta un piñeiro no seu escudo de armas por este motivo.

O pazo foi descrito polo escritor escocés Aubrey FG Bell na súa obra “Galicia vista por un inglés” e sábese que arredor do ano 1920 o pazo e a torre seguían en pé, mais medio en ruínas.

Na década de 1940, o Gobernador da Coruña quixo ofrecerlle ao ditador Francisco Franco un agasallo da provincia. Pensou no Pazo de Meirás, e para o reconstruír, desmantelou o Pazo do Marqués de Bendaña pedra por pedra, para montar en Meirás os seus máis nobres elementos. Deste xeito, leváronse as pedras do pazo, a balconada, as figuras da capela, os escudos, gravados... Tamén había en Dodro unha importante biblioteca que debeu marchar coas pedras. Estas permaneceron nunha morea durante anos. Un acordo do propio municipio de Dodro ofreceulle ao ditador, non só os alicerces arquitectónicos, senón a propiedade completa do Pazo do Marqués de Bendaña.

Coa chegada da transición o pazo e o terreo lindeiro son vendidos a particulares. Actualmente só se conserva a capela do pazo, e crese que as pedras da torre e os demais motivos ornamentais seguen no Pazo de Meirás. Dodro reclama a devolución de parte do seu patrimonio no ano 2008 para recuperar todo aquilo que se poida do Pazo do Marqués de Bendaña, resarcindo así unha vella débeda histórica que levou ao concello a perder un dos seus edificios máis simbólicos.

Tratábase dunha construción de planta en L con estrutura de baixo e un andar, a partir de muros de cadeirado, rodeado de numerosos anexos e cuberta a dúas augas, con rematado de tella curva sobre armazón de madeira. A carón da súa fachada norte atópase a Capela de San Xosé. A auga chegaba ao pazo a través dunha longa canle de pedra visible aínda na actualidade. Tamén existía a Fonte de San Xosé, cunha gran pía de auga.

Conta unha antiga tradición que os veciños de Dodro estaban obrigados a levar nun palafrén ao marqués á misa na Igrexa de Santa María de Dodro, até que fartos dos seus abusos botárono ao río de San Lufo. Do lado de riba del fíxose nos anos sesenta unha granxa cinexética, A Paxareira, onde se criaban perdices e colíns de Virxinia e había corzos ceibos polo monte.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AC002
  • Outras denominacións: Torreo ou Pazo de Dodro, Pazo de Vigo ou Casa do Marqués
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: Século XVI
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: Santa María de Dodro
  • Lugar: Vigo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Na actualidade atópase en moi mal estado de conservación e practicamente só se pode apreciar a que foi a súa capela e algunha das estancias menores. É propiedade particular, ao ser vendido durante a transición española Os seus elementos arquitectónicos e ornamentais foron trasladados ao Pazo de Meirás, onde adornan os seus xardíns e outras dependencias.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (AC-05)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Manuel Lorenzo Baleirón | La Voz de Galicia

    Historia de Galicia

    Sendeiros de Dodro

    O miradoiro da Revoltiña

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa das Señoritas de Rial

O valo de Manselle

Vivenda circular Nº 2 de Castro

Casa do Pichón