Cruceiro do Abelán
Imaxe: Concellería de Cultura, Patrimonio, Turismo e Medio Ambiente | Concello de Dodro
Localizado no lugar de Abelán da Cruz, no Monte Padronelo. No cruce dos camiños que van a Teaio, Bustelo e A Devesa, antiga encrucillada, punto que separa as aldeas do monte e as do val. Por aquí discorría o Camiño Real que ía de Santiago a Rianxo pasando pola venta da Chisca e polo río da Vexa (Bexo). Descríbeo o Pai Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1754 e despois Lucas Labrada en 1804, explicando que a estrada era tan mala que nin cos maiores gastos se faría transitable.
Típico cruceiro de capela ou de loreto da zona do Barbanza. Feito en granito. As medidas xerais son de 4,6 metros de alto por 2,5 de ancho. O fuste mide 1,6 metros e 2,1 de perímetro. A capela ten unha altura de 0,98 metros.
O baseamento é cuadrangular, de tres gradas. Non ten pedestal. O peto esta acaroado no varal. O varal é de sección cadrada (de 0,62 metros de lado), cos cantos rebaixados agás nos extremos superior e inferior, como adoita ser corrente en todos estes cruceiros, nos que hai un motivo ornamental que semella unha folla ou espiga de trigo ou centeo. Nas catro caras da pedra inferior do fuste é visible unha especie de fornela labrada en baixorrelevo, co lado superior redondeado. No fronte do varal é visible un oco semellante a unha fornela, coa parte superior redondeada e varias cruces inscritas dentro, no que é de supoñer que se acollese algunha imaxe, agora desaparecida (pequeno retablo dedicada ás ánimas?). Parece tratarse dun rebaixe moi posterior ao cruceiro, pois ao facelo destruíuse parte da inscrición. Posiblemente foi feito cando se creou a parroquia de San Xoán de Laíño, a finais do século XVIII. Presenta unha longa inscrición incompleta dende que abriron a fornela, desaparecendo parte das letras frontais da segunda pedra. Está clara a data, 1672, que debe de corresponder á de construción. Aínda que é posible ler algunhas palabras, en conxunto é ilexible.
Aínda que é posible ler algunhas palabras, en conxunto é ilexible. Fernández de la Cigoña (1997: 54-55) publica a seguinte lectura coa que González Pérez (2001) non concorda:
Na parte dereita:
UM POR SV
DRIOZSTA
10 – 1672
Na parte dianteira:
NESA
ASENO
TADLAS
CRUS
No lado esquerdo:
MAJ
DEBOC
+
G
O capitel está baixo, adornado cunha moldura e no lado frontal cunha cabeza de querubín coas ás abertas. Sobre esta figura tallouse (despois de feito o cruceiro) un burato cadrado destinado a peto de esmolas, polo que é de supoñer que en tempos pasados tivese unha portiña de ferro ou de madeira.
A capela ou fornela está formada por catro pedras (as dúas laterais, a traseira e a que cobre). En cada xamba ten gravada en baixorrelevo unha columniña salomónica, na que se albiscan a base e o capitel. Na fronte da pedra da cuberta, que sobresae varios centímetros por diante, un arco tamén co mesmo motivo ornamental. O teito por dentro semella unha bóveda de cruzaría, con catro nervios e a clave central ben traballada. Polo exterior é de perfil semicircular. Actualmente non recolle ningunha imaxe. Contan os veciños que antes, no interior, estaba unha Virxe que desapareceu xa hai moitos anos. Algúns din que que é a que campa na fornela da fachada da igrexa parroquial, sobre a porta.
A cruz está asentada sobre a capela, sobre unha pequena base cúbica con adornos nas catro caras en zigzag. De sección cuadrangular, coas arestas rebaixadas agás nos remates dos brazos que son cadrados, tendo no medio de cada un dos cantos un círculo inscrito. No anverso da cruz ten un Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas. Con coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza anoado á súa esquerda, INRI (cartela). Imaxe esculpida en baixorrelevo (a figura de Cristo case non sobresae, con escasos riscos anatómicos). No reverso non ten imaxe.
No anverso ten un Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas. Con coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza anoado á súa esquerda, INRI (cartela). Imaxe esculpida en baixorrelevo (a figura de Cristo case non sobresae, con escasos riscos anatómicos).
Data de finais do século XVII (1672). O nome de Cruceiro do Abelán ou Dabelán, segundo Clodio González Pérez (2001: 452), parece que puidera vir da existencia, en tempos pasados, de abelás ou abeleiras no monte, moi abundantes antigamente nestas terras. Tamén apunta como posible o mesmo autor que onde está o cruceiro ou preto del existise un vello abelá. Os cruceiros de capela son moi escasos en Galicia, cinguíndose exclusivamente a unha pequena parte da provincia da Coruña (concellos de Ames, Brión, Boiro, Dodro, Lousame, Ribeira, Rois...), sendo este exemplar de Dodro, o único que existe no concello, de especial interese por estar datado: 1672. Polo ano da súa feitura é o cruceiro de ánimas non só máis antigo da provincia da Coruña senón de Galicia enteira (Fernández de la Cigoña Núñez: 1997, p.35). O problema é que non se pode demostrar que fose, efectivamente, algunha vez un peto de ánimas auténtico, por non aparecer estas citadas no epígrafe e non conservar o retablo das ánimas no purgatorio nos dous pequenos fornelos.
Está emprazado no camiño sacramental, tanto para ir á Igrexa de San Xoán de Laíño (actual parroquial), como antes á Igrexa de San Xián de Laíño, por onde había que pasar cos defuntos das aldeas da Devesa, Bustelo e Teaio. Diante paraban as comitivas fúnebres, aproveitando para descansar ou para cambiar de portantes do cadaleito. Mentres tanto, o crego rezaba as oracións. Así mesmo, conta a tradición que ó seu redor se enterraban ó nenos que nacían mortos ou que morrían sen bautizar. O lugar é axeitado para situar aparicións de almas en pena e da Santa Compaña, polo que as persoas maiores aínda lle gardan moito respecto a este cruceiro. Na capela os paisanos deixaban unha fornada de pan ou de millo ou unha empanada, sempre produtos de comer, coa crenza de que as ánimas ían e viñan dende a casa onde viviran ata o cemiterio, para que tivesen comida. Finalmente, sinalar que en torno á cruz celebrábase unha tradicional romaría, a Romaría da Cruz do Avelán, o primeiro de maio. recuperada no 1990 polos veciños de San Xoán.
Segundo as últimas investigacións, caeu ao chan en novembro 1941 despois dun tremendo temporal. Os veciños da Devesa dos Mouchos, pasado un ano, levantárono e cobraron do concello 50 pesetas a repartir entre todos. Está reflexado na acta do Concello de Dodro de 8 de abril de 1942. No punto 5 da orde do día di: “Acordar si se ha de levantar la Cruz del Abelán” e segue, “Se acuerda que una comisión compuesta por el alcalde y dos concejales que él designe se constituyan junto a la Cruz del Abelán y vean lo que puedan costar las obras y lo que conviene hacer”. Máis adiante nun pleno “se acuerda gratificar a los vecinos del lugar de la Devesa con 50 pesetas por lo voluntariosos que estuvieron en levantar la secular Cruz del Abelán que había derribado el huracán último, hecho ocurrido en el mes de marzo, digo noviembre, de 1941”.
- INFORMACIÓN
- Código: DO-ER001
- Outras denominacións: Cruz do Abelán
- Tipoloxía: Elementos relixiosos
- Cronoloxía: 1672
- Concello: Dodro
- Parroquia: San Xoán de Laíño
- Lugar: A Cruz
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Regular (incompleto). No ano 1992 a Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico-Artístico unha axuda para a recuperación deste cruceiro, en mal estado de conservación así como a intersección de camiños no que se localizaba. A Dirección Xeral de Patrimonio accedeu a dar unha axuda económica para a súa restauración e aceptou facerse cargo do control da súa rehabilitación. Así, a cruz foi desmontada na súa totalidade por un equipo de especialistas para facilitar o seu traslado a unha escola de canteiros, tras o cal foi levada de novo ao seu sitio. Quíxose retirar un pouco deica atrás o cruceiro por causa da proximidade da estrada. Tamén se lle quixo por un baseamento máis sólido e encintalo con cemento, ademais de por o Cristo dereito. No 2004 publícase que a segunda grada está alterada (faltan pedras).
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CR-01)
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico
- Referencias:
Traballo de inventariado feito por Beatríz Pereiras en 2010
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.719384144422 , -8.7403820632982
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.