Camiño Real de Dodro

Camiño Real - Dodro

Imaxe: Xoán Xosé Vicente

Camiño Real entre a Paradegua en Rianxo e Imo. O que en Galicia chamamos camiños reais, son as vías principais de comunicación do Antigo Réxime. Algunhas reformáronse como a que vai da Coruña a Tui, pasando por Padrón, aproveitando antigas calzadas romanas e camiños medievais. De todos os xeitos, non existía moito interese por parte dunha poboación que permanecía esencialmente illada no territorio que lle era propio, pagando tributos excesivos en portádegos e portaxes.

No século XIX, cando se lles pediu aos veciños de Dodro e de Lestrobe que acudiran a reparar o Camiño Real ao seu paso por Padrón, argumentaron que xa tiñan dabondo con coidar das súas corredoiras, e como fora que se viran obrigados a facelo, de cote chegaban tarde e sen ferramentas, ou mandaban aos máis vellos de cada casa para realizar os traballos. O percorrido do Camiño Real por Dodro ten que ser o que describe o Pai Sarmiento na súa andaina do 31 de outubro de 1754: Lestrobe, Revixós, Vigo, Tallós, Revoiras, Eiró, Rueyro, Tarrío, Rial da Lagoa, Manselle, Sar, Castas (Castro), Imo e Bexo. Madoz, cen anos máis tarde, comenta que o Camiño Real que vai desde a Ponte Santiago de Padrón até Tallós, é dos transversais menos malos, se ben por falta de reparacións ofrece malos pasos no inverno.

Abuín de Tembra explica que na súa freguesía de San Xoán o Camiño Real, no inverno ía polo Cruceiro de Basoco, Castro e Moure, e no verán pola zona máis baixa: Cruceiro da Veiga, As Longas e Os Postes de Baixo, até xuntárense na Eira da Lavandeira, en Imo. As carrilanas que facían o traxecto de Padrón á Pobra do Deán tiñan o cambio de tiro diante da Casa de Rial. Saía o camiño polo Carril de Rial e polo Paseo do Crego (por un diácono nomeado Frei Alonso, que quedou cego e percorría a diario ese pequeno treito), para seguir pola Revoltiña, Carrais, O Alto do Caravel, Os Castaños, até subir pola valgada da Paradegua, ao sur da estrada actual.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AQ029
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Século XVI-XVIII
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Bexo e Imo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Na actualidade trátase de varios treitos pequenos que están atravesados pola estrada comarcal, autovía, tren de alta velocidade e pistas da concentración parcelaria.

  • Protección:

    Non

  • Referencias:

    Sendeiros de Dodro

    Patrimonio Galego

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa do Monte Picoto

Pedra Escorregadoira

Xacemento da Veiga de Abaixo

Camiño Real de Dodro