Cruceiro do Salgueiral

Cruceiro do Salgueiral - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Imaxe: Vanesa Lago Somoza

Este cruceiro está asentado directamente sobre as rochas do litoral, é dicir, carece de chanzos na súa parte baixa. Isto provoca que se erga directamente sobre o pedestal (carente de ornamentación), que ten unha forma cúbica e está rematado na súa parte superior en chafrán. O mar chega o pedestal cando a marea está alta.

O fuste desta construción é de sección cuadrangular no seu primeiro terzo, mentres que o resto do fuste, ten sección octogonal. Localizado xa na parte octogonal, atópase unha pequena representación (mirando cara ao mar) que é identificada coa imaxe de Santiago Peregrino, unha figura que apoia a súa man dereita nun bastón mentes que a esquerda tena erguida cerca do peito. Está vestido co que parece ser unha túnica e leva un sombreiro sobre a súa cabeza (vestimenta de peregrino). O capitel continúa a composición cunha sección octogonal no comezo para rematar en forma cuadrangular, cunha decoración de formas xeométricas nas súas catro esquinas. Dita decoración está realizada por un roleo que se enrosca cara dentro nos seus extremos (parte superior) e no seu interior aparece unha bóla.

O conxunto está rematado por una cruz de sección cuadrangular cos ángulos rebaixados e cun lixeiro engrosamento nos extremos, con representacións nas dúas caras. No anverso aparece representado Cristo crucificado (mirando cara ao mar), unha figura de tres cravos (o seu pé dereito colócase sobre o esquerdo para poder colocar un único cravo nestas extremidades). A imaxe caracterízase por inclinar a súa cabeza cara adiante (hai que facer mención á coroa de espiñas que descansa sobre a súa fronte) e leva o pano de pureza (perizoma) atado na parte dereita. Como é común neste tipo de imaxes, sobre a súa cabeza leva unha cartela coa inscrición “INRI”. No reverso aparece representada a figura da Virxe, erguéndose sobre un pedestal. A imaxe da Virxe (mirando cara terra) caracterízase por ter unhas formas moi redondeadas nas que apenas se distingue a súa anatomía, destacando a posición das súas mans sobre o peito (en acto de rezo) e a pesada túnica que a cubre dende a cabeza até os pés.

Segundo testemuñas orais da veciñanza local, a cruz deste cruceiro foi derribada na década dos oitenta do século pasado. Actualmente a cruz está no lugar que debe ocupar no cruceiro, mais descoñecese o ano exacto no que foi arranxado.

Este cruceiro forma parte dos cruceiros que conforman o Via Crucis do Mar de Arousa e río Ulla, localizado no litoral do río.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruceiro do Salgueiral

Cruceiro do Cemiterio do Campanario

Cruceiro da casa reitoral do Campanario

Cruceiro do Casal