Telleira da Rúa Nova

Telleira da Rúa Nova - Valga - Santa Cristina de Campaña

Imaxe: Alejandro Fernández Palicio

Telleira hoxe desaparecida que se localizaba onde hoxe está o Bar O Belén.

Debaixo do que hoxe é unha edificación, houbo unha telleira de dous fornos segundo contan varios veciños, mais nunca a coñeceron en funcionamento. Non existen restos de ningún tipo. A derradeira vez que estivo en funcionamento foi co telleiro José Pérez Portela entre 1910 e 1926, segundo indica a matrícula industrial.

Nesta telleira traballou nos anos 20 un iriense nacido en 1904. Segundo Seijas Llerena: “Esa telleira estaba en Campaña, pola parte de Cordeiro; faciamos tellas e ladrillos, un traballo variado, pois tamén había que cavar no barro, despois carretalo a brazo, amasar e metelos nos moldes, levar as pezas aos parques de secado e por último pasalo aos fornos. Un traballo completamente á intemperie, que como dicía un de Carcacía, daquela os obreiros tiñan moita”.

A zona onde se atopaba esta telleira era un área moi rica en barro que a Cerámica de Campaña (Novo y Sierra) explotou durante anos para a súa fábrica. Existe un documento con data de 6 de xuño de 1959 entregado por Novo y Sierra ao Concello de Valga, por mor dun preito entre esta e varios veciños, onde se fala da súa existencia. Seis testemuñas presentadas por Novo y Sierra engaden que fai máis de 40 anos houbo unha telleira na área que “ya estaban hechas grandes excavaciones, y por tanto antes de que Escuredo y cía. y Novo y Sierra S.A. fundasen a compañía”.

O barro extraíase nos terreos próximos á telleira, os que máis tarde usaría a Cerámica de Campaña (Novo y Sierra) para a súa fábrica.

Tiña dous fornos de menos de 10 metros cúbicos de capacidade.

Nesta telleira producía tellas e ladrillos. Comezou pagando 9,30 pesetas de renda en 1910, até chegar ás 17,44 pesetas en 1926.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Barreira do Monte Leveiró

Telleira de Roeiro

Telleira do Camiño Real

Mina Porto Piñeiro