Pedra da Serpe

Pedra da Serpe - Valga - San Miguel de Valga

Imaxe: Alex Negreira

Na paraxe coñecida como Campo Redondo emprázase a rocha que contén os gravados, e que xa fora descrita por X. Ferro Couselo (1952, p. 94) e por F. Bouza Brey-R. Sobrino (1948, p. 333-343). Nos dous casos, reproducen os motivos observados. Da rocha principal, a representación máis fiel e exacta é a realizada por F. Bouza Brey-R. Sobrino. Así, esta rocha principal presenta unha forma alongada, en sentido nordeste-suroeste, séndolle esnaquizada a parte dereita centro-inferior da mesma, debido a labores extractivas realizadas hai anos, e que os propios veciños paralizaron.

Os motivos existentes están compostos por unha combinación de varios grupos de círculos concéntricos (entre catro e seis círculos), con cazoleta central, e dos que parten sucos a modo de radios. Dos catro grupos concéntricos observados, tres deles conteñen un único radio, mentres que o grupo de maiores dimensións, e situado ademais nunha posición central respecto á rocha, contén 5 radios, todos eles partindo da cazoleta central e excedendo os límites do motivo concéntrico. Así, o radio que parte cara a parte inferior da rocha (suroeste) continúa até acadar os dous grupos situados na zona inferior, cun desenrolo último sinuoso, que case podería verse como un serpentiforme. Xunto a estes grandes grupos concéntricos, aparecen formas circulares illadas, polo xeral asociadas tamén a sucos que parten do seu perímetro. Ademais das formas circulares, o outro gran grupo de motivos presente nesta rocha son os sucos, en varios casos convertidos en serpentiformes, destacando os dous motivos situados na parte esquerda da rocha, e case sempre de amplas lonxitudes, cunha orientación principal no sentido do eixo da rocha (nordeste-suroeste). Pequenas cazoletas, bastante erosionadas, completan os motivos observados. Unha prolongación desta rocha principal cara o lado inferior esquerdo (oeste-noroeste), xa moi deteriorada, ofrece algúns novos motivos: dous círculos concéntricos con cazoleta central, acompañado por tres pequenas cazoletas e un suco en forma de arco, pola zona superior, mentres que cara a parte baixa aparecen catro novas cazoletas, tres delas dispostas en ringleira e con lixeira forma de arco.

Segundo imaxe e texto de José Pñeiro Ares (Pontecesures 1927-2001), publicado no Faro de Vigo en 1967: “en plena selva virgen, sugieron dos niños pastores, María Mosteiro Bodaño y Enrique Magán Bodaño de siete y ocho años respectivamente. Los dos niños, que tienen a sus hermanos mayores en Holanda, vigilaban el pastoreo de unas reses. Coñecedes unha pedra con debuxos? Le preguntamos. Enriba do monte hai unhas pedras, que nós chamamos das culebras, respondieron”.

A explicación popular á súa denominación ven pola existencia de cobras no lugar: "Campo Redondo, Campo Redondo, onde culebras e serpentes non teñen sono".

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AQ026
  • Outras denominacións: Petróglifo Nº 1 dos Penoucos do Campo Redondo, Eira dos Mouros ou Chan da Lagoa
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Idade do Bronce
  • Concello: Valga
  • Parroquia: San Miguel de Valga
  • Lugar: Campo Redondo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Parte da rocha principal, a zona central dereita, foi destruída hai anos polos canteiros, até que foron avisados polos veciños. A prolongación esquerda da rocha aparece moi deteriorada, até case diluír o motivo de círculos concéntricos existente. O desgaste da rocha, provocado polas inclemencias metereolóxicas ou maleza, leva a diluír parte dos motivos gravados nela.

  • Protección:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-24: GA36056001)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Patrimonio Galego

    Megaliticia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Castro da Roda

Soaviña

Mercado dos Mouros

Túmulo da Cruz do Valado