Igrexa Vella

Igrexa Vella - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Trazas de Pontevedra

O xacemento da Igrexa vella foi descuberto nos últimos anos, aínda que se tiñan coñecementos na memoria popular da parroquia de Cordeiro, así como nalgúns documentos antigos, da existencia dunha pequena igrexa e un mosteiro de fundación altomedieval con diversas fases de ocupación, e que foi desfeito no século XVIII para construír a actual Igrexa de Santa Comba de Louro. Está emprazado nunha profunda valgada, en relación ao terreo circundante, e rodeada dun pequeno regueiro que o rodea polo leste. As últimas escavación permiten datar unha secuencia ocupacional que iría dende o século IV ata o XVIII. Facendo un resumo do traballo feito na intervención dirixida por Emilio Ramil González, no ano 2010, podemos describir os cinco niveis arqueolóxicos.

O primeiro, tardorromano, permitiría observar estruturas de muros, industria e funerarios. Acháronse aquí partes dun muro de cachotería que foi roto para facer tumbas paleocristiás e que continua baixo os muros da primeira igrexa do século V, sobre os restos da ocupación tardoromana. Un forno industrial de produción local, que podería usarse para a fabricación de vidro ou metais. Unha estela tardoromana con epigrafía, reutilizada no muro da fachada das igrexas, relacionada con tumbas de tella (ou ímbrice). Outros materiais recuperados consisten en material latericio, tégulas, ímbrice e ladrillo, cerámica común, imitacións de terra sigillata, vidros, metais (bronces e ferro) e escoura.

O segundo nivel de ocupación ten lugar a partir do século V. Sobre o nivel de ocupación tardorromano documéntase a construción dunha pequena igrexa basilical de planta rectangular, rematada nunha sinxela cabeceira tamén rectangular. Esta construción ten asociadas as primeiras tumbas exhumadas in situ, como simples tumbas escavadas en restos de pavimento tardorromano, ou tumbas tardoantigas construídas con pedras colocadas en posición horizontal cubertas cunha tapa, e tumbas construídas con pedras e reaproveitamento de material romano, como tégulas ou ladrillo. Destas tres tipoloxías de tumbas recupéranse 4 escavadas en pavimento, 1 de pedra horizontal e 1 de pedra e material latericio romano, todas elas no interior da nave principal. A cronoloxía desta basílica ou cenobio transcorre entre o fin do Imperio, ao longo da chamada etapa xermánica, até o inicio da repoboación no século VIII.

O terceiro nivel é altomedieval. A primeira igrexa existe até o século VIII ou IX, até que sufriu un incendio, xa que se recuperan abundantes carbóns ao longo da planta, ou por desexos de ampliar o templo, xa que debido ao movemento repoboador prodúcese un aumento da poboación, constrúese unha segunda igrexa, aproveitando a fachada e as paredes laterais, que serven de cimentación aos muros do novo templo. Derrúbase a cabeceira, construíndose unha nova cruciforme, distinguíndose o transepto, o presbiterio e a ábsida. A cronoloxía desta etapa transcorre entre a Alta Idade Media e a Baixa Idade Media. Relacionado co inicio do novo templo relixioso, asociada a el, está a necrópole de laxas, recuperándose no exterior da fachada até 26 tumbas de laxa, a maioría de adultos, mais hai algunha infantil. Debemos destacar entre o material recuperado en época medieval, sobre todo na etapa románica, parte dun canzorro dunha cornixa, así como parte da ornamentación dun capitel, concretamente dúas granadas, de ampla tradición no mundo dos mortos, así como unha columna con epigrafía e gravado en baixorelevo dun báculo episcopal. Tamén se recupera algunha cerámica medieval, moedas de bronce, e algunha medalla.

O cuarto nivel é da Baixa Idade Media e inicio da época moderna, século XVI. Nestes momentos a igrexa pasa a ser parroquial, acaróase unha capela lateral antes da cruz, ao norte da parede lateral norte da nave, e unha sancristía, a continuación do transepto, ao norte da cabeceira. Na capela exhúmase un altar e localízase un sarcófago monolítico fóra de sitio.

O quinto e último nivel arqueolóxico é de principios do século XVIII, ano 1730 no que se documenta o desmantelamento da igrexa e o seu traslado ao sitio actual, a 500 metros de distancia, á parroquial de Santa Comba de Louro. A escavación arqueolóxica documenta este nivel de destrución e traslado, o reaproveitamento da materia prima, a pedra, sobre todo os perpiaños e o enlousado, para o novo templo.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Petróglifo do Alto da Porteliña

Agro do Castro

Soaviña

Eira dos Mouros