Cruceiro da Cubeliña

Cruceiro da Cubeliña - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: Cruceiros de Galicia

Cruceiro de granito que preside a Praza Rafael Dieste, fronte a Igrexa de Santa Comba de Rianxo.

Plataforma con catro chanzos de sección cadrada. A súa base moldurada posúe unha inscrición moi erosionada. O varal, que nace en sección cadrada e segue en octogonal, dá paso a un capitel decorado con volutas, rostros de anxos, orlas vexetais e cunchas. A cruz, de sección circular, leñosa e con nos, posúe as imaxes de Cristo crucificado baixo cartela de INRI no anverso, e a Virxe en actitude de oración e sobre unha peaña con forma de querubín no reverso.

Este cruceiro estaba orixinalmente situado preto do actual cemiterio, en Fincheira, e foi trasladado posteriormente ó seu actual emprazamento.

Na Praza Rafael Dieste residía a madriña de Castelao, Pilar Castelao, despois de casar co carpinteiro Juan María Losada (falecido en 1895), a onde procuraba ir o rapaz Daniel desde o Cabo da Vila, para divertirse.

Á volta da emigración, a mediados de 1900, a familia Castelao estableceuse nunha casa da rúa da praza, na número 8, posiblemente a de Pilar, onde estiveron residindo até 1904, cando Mariano Rodríguez decidiu reedificar a actual da rúa de Abaixo.

Falecida Pilar (1930) e os seus fillos (1937), a casa pasaría aos Castelao, que lla alugarían a Álvaro Domínguez Baraja para instalar nela unha farmacia. Anos máis tarde foi vendida por Josefina e Teresa R. Castelao ao que fora axitador político na Compostela republicana, Xosé Carnero Valenzuela, para refacer a súa vida como boticario de Rianxo. Carnero presidira, durante a II República, o comité de centros republicanos da comarca de Santiago e nun mitin proclamara a independencia de Galicia e a instauración da República Galega. Unha tía del, con moito valemento ante Franco, salvouno do fusilamento.

Ademais de Pilar, residían na casa da esquina da Praza Rafael Diesta, pegada ao adro, a parente Concepción Castelao, casada co xastre Manuel Otero. O fillo deles, Mariano Otero Castelao, un dos fundadores do Partido Galeguista de Rianxo e concelleiro da Fronte Popular, estivo a piques de ser “paseado” por membros da Falanxe. Anos despois, organizou en Vigo unha célula comunista e fuxiu posteriormente a Caracas co anarquista Xosé Velo. Volverían a cobrar protagonismo co soado secuestro do transatlántico Santa María.

Segundo ten asegurado Teresa, os seus antepasados paternos levantaron o fermoso cruceiro existente na actualidade no centro da praza, que se lle atribúe ao escultor de Noia, José Ferreiro.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-ER099
  • Outras denominacións: Cruceiro da Praza Rafael Dieste
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: 1751
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: Praza Rafael Dieste
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (C-086 e B-065)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Patrimonio Galego

    Cruceiros de Galicia

    Roteiro Castelao

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruceiro Nº 1 de Traba

Cruceiro do rego de Chenlo

Cruceiro dos Meniños

Vía crucis do Calvario