Fábrica de salgadura dos Goday

Fábrica de salgadura dos Goday - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: Raimon Camprubí (1981)

A fábrica situárase na enseada de Rianxo, na ribeira dereita da ría de Arousa próxima a desembocadura do río Ulla, nunha zona doadamente accesible desde a beiramar e con fácil comunicación co interior, xa por terra, xa río Ulla arriba até Cesures.

Manuel Goday Roura, comerciante orixinario da vila catalana de Canet de Mar (Barcelona), casaba na derradeira década do século XVIII con Francisca Llauguer, dunha familia de fomentadores tamén procedente de Canet de Mar e que estaba establecida nas vilas arousás de Vilanova e Carril. Sería contra 1802 cando os seus cascos de sardiña salgada en Vilanova comezan a chegar a Barcelona.

Inicialmente importador de viños e augardentes, a salga de sardiña acabaría por converterse na principal actividade de Manuel Goday Roura, quen en 1814, xa tiña un segundo almacén de salga funcionando en Moreiras, en San Vicente de Ogrobe.

As espléndidas costeiras de sardiña do decenio de 1820 permitiríanlle mercar no Pozo do Cabo de Vilanova unhas fincas nas que construiría en 1832 o seu segundo almacén vilanovés, o seu terceiro na ría de Arousa. E contra 1836 aínda mercaría un almacén de salga existente na praia A Barrosa de San Vicente de Ogrobe.

En 1839, incorporados formalmente tres dos sete fillo que tivera o fundador, Juan, Manuel e José Goday Llauger (nacidos entre 1792 e 1808), a sociedade Manuel Goday y Cía. é a maior consumidora de sal da ría, diante das empresas de salga arousáns de Juan Llauger, Juan Bargés e Pablo Jover, e mesmo da viguesa de Tapias. Con case setenta anos, o vello Goday mercaría en 1840 a fábrica de salga que tiñan os cambadeses Peña (de Fefiñáns) no porto de Meloxo, en San Martiño de Ogrobe, da que se faría cargo o seu fillo José Goday Llauger.

Morto en 1843 o patriarca, os tres irmáns Goday Llauger continuarían ampliando a sociedade familiar. En 1846 mercábanlle a Fidel Curt a fábrica, que lindaba coa súa no Casqueiro de Vilanova, participaban con Andrés Fariña e José Bargés na que eles tiñan en Canelas (San Vicente de Ogrobe), incrementaban a frota propia e íanse facendo con propiedades poxadas nos procesos de desamortización dos bens nacionais.

Aínda que Juan, o irmán maior, morría en 1854, Manuel e José continuarían agrandando o patrimonio da sociedade. En 1861 mercarían o almacén de salga de Antonio Boado na Illa de Arousa, en 1862 o de José Roig no Casqueiro vilanovés, e faríanse coa totalidade do que compartían en Canelas. Nese mesmo ano de 1862, e con dez establecementos de salga na ría de Arousa (Carmona, 2011:77) Manuel e José disolvían a sociedade familiar.

Juan Goday Gual, fillo de Juan Goday Llauger, casaba contra 1864 coa súa curmá-irmá Teresa Francisca Goday Gual, filla do seu tío Manuel, e constituía en 1866 a sociedade Goday e hijos, na que reagruparían as fábricas da Illa, Canelas, A Barrosa, e unha das de Vilanova, ás que pronto incorporaría unha quinta fábrica de salga que establecería contra 1877 en Rianxo.

En 1879 Juan Goday Gual vai construír a carón da salga que lle mercara en 1861 a Boado e por en marcha, coa colaboración do experto na folla de lata e a soldadura Luis de Zulueta (orixinario da vila vasco-francesa de Saint Jean de Luz), a que se ten desde aquela como a primeira conserveira galega moderna. En 1883 sería tamén a primeira que abandonaba o sistema de Nantes, substituíndo a fritura e a esterilización ao baño de María, pola cocción e esterilización con vapor de auga.

Un dos fillos de Juan Goday Gual, Juan Goday Goday, vai transformar contra 1898 a fábrica de salga de Rianxo, seguindo o modelo da Illa de Arousa, en fábrica de conservas. Morto o pai en 1900, Juan Goday Goday quedará coa fábrica de Rianxo, que daquela empregaba a 30 homes e 80 mulleres, e os seus irmáns constituirán Viuda e Hijos de Juan Goday Gual, quedando Manuel ao fronte da fábrica da Illa e Enrique ao cargo da nova fábrica de conservas que o seu pai previra e que el estabelecera en 1895 nun almacén de salga mercado en Louro (Muros) en 1889.

As tres fábricas dos irmáns Goday Goday continuarán elaborando salga, escabeches e conservas herméticas até que as dificultade de finais da década de 1920, coa escaseza da sardiña, primeiro, e o peche dos mercados exteriores coa crise económica de 1929, as levarán a abandonar o negocio contra 1933.

Juan morrera en 1928, mais xa en 1917 pechara a fábrica de Rianxo. Posta á venda pasará en 1924 a ser propiedade do cirurxián do Hospital de Santiago Ángel Baltar Cortés, quen dedicará unha parte a central eléctrica para o alumeado da vila (despois dun acordo coa Sociedad General Gallega de Electricidad) e a muíño eléctrico de cereal. A familia Baltar venderá en 1935 a propiedade a La Pesquera del Norte de España, reservándose durante cinco anos o uso da parte do edificio onde estaban os motores e o muíño fariñeiro.

As propiedades da fábrica de Rianxo foron confiscadas e utilizadas como campo de concentración na Guerra Civil (1936-1939), e quedarán despois en poder do fabricante bilbaíno de maquinaria conserveira Carlos Somme Petersen, quen a alugará en 1957 a Manuel Escurís López. A chamada Conservera de Rianjo abandonaría en 1975 as vellas instalacións do Castelo, instalándose nunhas máis modernas no lugar da Carballeira, na marxe esquerda da estrada de Rianxo a Padrón. En 1990 foi mercada pola recentemente creada Conservas Cortizo, S.A. e no ano 2007 cambiaría o nome polo de Conservera de Rianxo, S.A.

Estas instalacións industriais, situadas no lugar que as xentes da vila designan como O Castelo, a medio camiño entre o Cabo da Vila e a Punta Fincheira, convertéronse, a mediados de 1937, nun campo de concentración para presos políticos da Guerra Civil.

O campo de concentración de Rianxo recibiu entre novembro de 1937 e novembro de 1939 máis de tres mil presos políticos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron este episodio, o centro de detención viviu tres etapas diferenciadas e definidas pola situación política do momento e a función fixada polo réxime franquista. A primeira iniciárase o 14 de novembro coa chegada á vila no vapor “Alfonso Senra” de arredor de 1.046 reclusos, na súa maior parte soldados do exército popular da fronte norte de orixe asturiana e vasca, algúns dos cales morrerían afogados no traslado desde o barco fondeado en Portomouro até o centro de reclusión.

A este primixenio continxente non tardaron en sumarse centos de antifascistas galegos condenados en diversos procesos celebrados na xurisdición militar, incorporándose a partir de agosto de 1938 grupos de voluntarios republicanos detidos após a derrota do goberno democrático na fronte do Ebro, que chegaran á localidade en camións despois de seren trasladados por tren desde Zaragoza a Padrón.

Sobre a vida dos presos no campo de concentración, coinciden diversas testemuñas en falar de fame, amontoamento (chegaron a ser 1.046 homes), enfermidades, malos tratos, falta de hixiene, pragas de piollos, falta de duchas e retretes (resolto a base de gabias) e auga escasa (transportada en pipas desde a fonte do Cabo da Vila).

No ano 2003, o Concello de Rianxo rendeulles unha homenaxe aos prisioneiros, con asistencia de familiares, maioritariamente de Asturias e Cataluña. Descubriuse unha placa conmemorativa, onde figura esculpida esta lenda: “Neste lugar, para maior ignominia e desprezo da condición humana existiu un Campo de Concentración entre 1937 e 1939. Este monumento é homenaxe ós prisioneiros republicanos que nel sufriron e morreron. O pobo de Rianxo. Outubro 2003”.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Telleira de Palleiro

Mina de Quintáns

Fábrica de salgadura dos Goday

Restos de barcos areeiros