Casa da República

Casa da República - Rianxo - Santa María de Isorna

Imaxe: Urbanismo Rianxo

Edificación dedicada a centro sociocomunitario, no lugar de Sestelo, que desde 1996 leva o nome do crego e poeta antifranquista Faustino Rey Romero. Trátase dun volume de planta rectangular e dous andares, con cuberta a dúas augas de tella. Está resolta con muros de cachotaría de pedra vista no primeiro andar e cerramento de ladrillo enfuscado e pintado no segundo. Ocos rectangulares verticais na planta baixa con carpintería de dúas follas de madeira, e horizontais con carpintería de aluminio na planta superior. Acceso en planta baixa mediante porta alintelada de madeira situada nun extremo da fachada noroeste.

Faustino Rey Romero naceu na Lagarteira, Sestelo, parroquia de Santa María de Isorna, o 27 de outubro de 1921. Estudou latín e humanidades no Convento de Santo Antonio de Herbón, e seguiu a carreira eclesiástica nos seminarios de Ourense e Tui. Foi ordenado sacerdote no ano 1948 e deu a súa primeira misa en Isorna. Licenciouse logo en Teoloxía pola Universidade de Salamanca.

Foi párroco en diferentes freguesías do Baixo Miño: Amorín e Currás, no concello de Tomiño; Cela e Tameiga, en Mos; e Barcela, en Arbo, entre outras. Mais sempre mantivo unha fortísima vinculación coa súa Isorna natal e o veciño concello de Catoira, no que fundou en 1961, xunto ao poeta catoirense Baldomero Isorna Casal e Segundo Rodríguez (dono da cantina da Estación de Catoira), o Ateneo do Ullán, que sería o cerne da Romaría Viquinga de Catoira. Foi correspondente da Real Academia Galega desde 1950 e da Sociedade Mariolóxica Mater Ecclesiae de Braga.

Rey Romero non era cómodo para a xerarquía eclesiástica: tiña fillos que o trataban de pai e non de padre nin tío, sen escándalos dos fregueses, mais si da xerarquía. Crego antifranquista e progresista da liña do Concilio Vaticano II, defensor do idioma galego na liturxia e na escrita, o seu estilo de vida e crenzas derivarían en problemas co bispado. Logo de ser forzado a un desterro voluntario, viuse obrigado a exiliarse en Bos Aires en 1966, onde exerceu na parroquia de Balbanera e onde morreu, nun  confuso accidente. O 20 de decembro de 1987 as cinzas de Faustino Rey Romero chegaban a Isorna coa finalidade de descansar para sempre no seu pobo natal.

A obra de Rey Romero repártese entre o ensaio teolóxico e a poesía. Entre os primeiros publicou a “Teoría general de la existencia”, en Bos Aires no ano 1968. Mais ocupa un posto privilexiado pola súa poesía en galego na "longa noite de pedra". Deu ao prelo “Doas de vidro” (1951), con prólogo de Vitoriano Taibo. Ademais compuxo “Catro sonetos ao destino dunha rosa” (1952), o máis coñecido “Escolanía de melros” (1959), e “Poema das materias sagras” (1960). A segunda edición deste poemario valeríalle o primeiro premio Pedrón de Ouro no ano 1964.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Restaurante Feliciano

Paseo da Ribeira

Casa de Castelao

Casa Rañó