Torres de Oeste

Torres de Oeste - Catoira - Santa Baia de Oeste

Imaxe: Pablo Eirín

Complexo defensivo construído en diferentes períodos, que estaba conformado por dous recintos. Un exterior formador por unha gran torre de homenaxe, ao leste, coa porta de entrada do complexo e dúas murallas polo norte facendo unha gran curva cara ao oeste; e polo sur, cunha pequena torre acaroada de planta semicircular, torcendo en ángulo recto tamén cara ao oeste. Ambos ramais da muralla contaban cunha pequena saída de augas por debaixo do nivel actual do terreo. Este recinto estaría destinado a dar acubillo ás poboacións do arredor e ao gando en caso de ataque.

Ambos extremos da muralla remataban nun castelo na parte leste, no alto dun pequeno promontorio, formadas por un recinto interior pechado en forma poligonal con catro torres nas súas esquinas e outra gran torre do homenaxe con outros recintos como a Capela de Santiago no seu interior. As torres remataban en ameas sinxelas e estaban cubertas.

Hoxe en día podemos ver o primeiro e segundo corpo, o arco da entrada da torre de homenaxe do leste chamada Torre de Lugo, a capela que se conserva completa e as ruínas que manteñen a súa altura orixinal das torres do castelo interior situadas máis ao sur e que serven de imaxe icónica do lugar. Así mesmo, despois da intervención arqueolóxica e posta en valor do lugar, pódense ver os alicerces do resto das outras estruturas.

A maioría dos autores identifican este asentamento coa Turrem Augusti citada por Pomponio Mela no século I d.C., e que se tería levantado sobre un asentamento castrexo anterior que documentou e estudou Naveiro López (2004).

O lugar estivo habitado desde a Idade do Ferro. Naquel entón o lugar era unha illa no medio do río Ulla no que había un castro. A illa uníase á terra por medio dun pontón sostido por columnas de madeira.

Durante a Época Romana convértese nun dos principais enclaves portuarios que canalizaban as mercadorías cara ao nó de comunicacións que era Iria Flavia. Nos primeiros séculos da Alta Idade Media, o lugar cae no abandono. Neste período atopáronse evidencias de soterramentos no lugar.

As estruturas defensivas do castro volven a ser empregadas e melloradas na segunda metade do século X, en tempos do bispo de Iria Flavia Sisnando II (953-968), contra o ataque dos viquingos. Xunto coas Torres da Lanzada, Darbo, o Castelo de Cedofeita e unha torre en Pontesampaio, forman dunha rede de protección dos señoríos de Iria e Compostela. Desta época consérvanse os alicerces da torre de homenaxe e unha torre do recinto interior.

Durante os séculos seguintes, XI e XII, o complexo reconstrúese, conservándose soamente a torre de homenaxe e unha torre do recinto interior, e amplíase chegando o seu maior grao de edo que se poden ver os seus alicerces actualmente.

No século XV as súas instalacións son totalmente obsoletas, quedando en estado de abandono. Hai unha reocupación ocasional no século XVIII no que se emprega como punto defensivo fronte aos ataques ingleses, chegando aos nosos días en estado ruinoso.

No ano 1931 é declarado monumento histórico artístico e nos anos oitenta empréndense labores de escavación arqueolóxica e consolidación do xacemento.

A Romaría Viquinga de Catoira comezou a celebrarse en 1961. A primeira etapa foi a do Ateneo do Ullán entre 1961 e 1964. Todo comezou no ano 1959, cando o poeta e crego de Isorna Faustino Rey Romero, o poeta catoirense Baldomero Isorna Casal e o dono da cantina da Estación de Catoira Secundino Rodríguez, fundan o Ateneo do Ullán, un foro artístico e literario formado por intelectuais do Baixo Ulla. Este grupo son quen decidiron en 1960, nunha das súas reunións, que estaría ben celebrar a xeito de festa o desembarque do rei Ulfo.

A primeira Romaría Viquinga tivo lugar o 29 de xullo do 1961, cunha misa na Capela de Santiago, na memoria de Diego Xelmírez, e demais defensores da fortaleza. A continuación tiña lugar un acto literario evocando a acción dos invasores, a defensa polos habitantes da zona e a súa transcendencia histórica. Acto seguido celebrábase unha pequena festa acompañada de gaiteiros da zona. Ademais Pedrito O Montañés, un mariñeiro de Pontecesures, coroado con pólas de árbores, representaba ao guerreiro normando Ulf 'O Galego', saltando á terra desde a súa dorna, para ir ao encontro do bispo Cresconio, representado por Faustino Rey Romero que, con solemnes palabras, dominaba ao invasor, facéndolle axeonllarse submisamente ante o representante da cristiandade. Despois tiña lugar un xantar campestre co son dunha banda de gaiteiros, ademais dun acto literario no que participaban escritores da comarca, e no que se basea o actual pregón das festas. Á noite, nas ameas das torres, acendíanse cacharelas para lembrar o xeito no que noutrora se anunciaba a arribada de viquingos polo río Ulla.

A segunda etapa comeza en 1965 e dura até 1990, é o período de consolidación da romaría, desta volta patrocinada pola empresa local de Cedonosa e organizada polos seus traballadores.

A terceira e última etapa comeza en 1991, cando é o propio Concello de Catoira quen colle a rendas da festa, é o período de proxección internacional.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Petróglifo Nº 1 do Outeiro do Barral

Petróglifo do Muíño dos Portugueses

Petróglifo Nº 2 das Lagoas

Torres de Oeste