Casa da Señora

Casa da Señora - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Lindsay

Edificación vinculada ao Alfolín da Renda do Tabaco, construída na mesma data. A súa denominación, a Casa da Señora, vén porque aquí vivía dona Carmen Domínguez Orense, xunto con don Salvador Sierra Trasande (socio da Cerámica de Campaña) e os seus fillos.

Unha das fillas era Carmen Sierra Domínguez, a primeira muller en entrar no Seminario de Estudos Galegos en 1923. Naceu nesta casa un 3 de maio de 1906, estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, obtivo a cátedra de Literatura Española e exerceu en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Foi nesta casa onde o catedrático Cotarelo Valledor convidouna con 16 anos a unha xuntanza do que acabaría sendo o Seminario de Estudos Galegos. Tras a sublevación militar de 1936, rexentou co seu home Carlos Díaz Rodríguez, unha granxa en Cortinallas (Cesures). Participou na estrutura clandestina do Partido Comunista mantendo contactos con Isaac Vázquez Pardo a través do seu curmán Ramón Baltar Domínguez. Detivérona o 5 de xaneiro de 1946 pola súa militancia política e compromiso antifranquista, pasando tres anos encarcerada na prisión de Ventas (Madrid). Foi xulgada en consello de guerra en maio de 1948 xunto con Esperanza Batanero e Lola Freixa, sendo condenada a catro anos de prisión e, ao levar case tres anos detida, saíu en liberdade condicional a finais de agosto de 1948. Instalouse en Madrid cos seus fillos e traballa nunha libraría. Faleceu o 22 de decembro de 1996 en Caracas (Venezuela), país ao que se tivo que exiliar en 1952.

En palabras de Suso de Toro, Carmen Sierra, Carmiña Sierra ou Carmiña “La Roja”, como a chamaba a súa moi conservadora familia, foi “unha muller moderna de antes do 36 e a militante comunista contra o fascismo que acaba sendo torturada e vai presa comprendín que a súa vida resumía a traxedia do país”.

No ano 2023 Alvarellos Editora editou o libro "Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos", escrito por Aurora Marco, quen nos últimos trinta anos especializouse na recuperación da traxectoria das mulleres galegas e, de maneira especial, das represaliadas. Este libro foi presentado en Cesures o 28 de setembro de 2023, acto que contou coa participación da neta de Carmen Sierra, María Dolores Ara Díaz, quen lembrou a “galeguidade” de Carmiña no seu exilio de Caracas: “Las nietas aprendimos allí primero palabras y canciones en gallego antes que en castellano. El acento gallego ha estado absolutamente presente en nuestras vidas. Hasta hoy”.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa de Borobó

Villa Pombal

Casa das Cunchas Nº 1 de Redondo

Praza de Abastos de Pontecesures