Cemiterio de Adina

Cemiterio de Adina - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Imaxe: @totegil

Non ten nichos, todos os soterramentos son de foxo no terreo. Espazos entre as sepulturas de herba, sen camiños e cun cerramento exterior de muro baixo. A tumba do Premio Nobel de Literatura de 1989, Camilo José Cela, está baixo unha oliveira (Olea europaea) incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras co código 55A.

Na Adina estaban enterrados os avós e o pai de Rosalía de Castro, aos pés da epifanía esculpida na portada oxival do templo, no que exercera de capelán.

 

O simeterio da Adina

n’hai duda que é encantador,

cos seus olivos escuros

de vella recordazón

 

Rosalía foi enterrada tamén aquí ao día seguinte do seu pasamento, o 15 de xullo de 1885, e case seis anos despois trasladáronse os seus restos a Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres. Mil anos antes de que Compostela tivese sequera un nome, xa Iria figuraba inscrita coma un waypoint no mapa de Ptolomeo. Romana, sueva, medieval, barroca, que mellor lugar que este, onde tantas Irias foron, confundidas na poeira dos séculos, para entoar o ubi sunt latino, a pregunta das preguntas? Pero Rosalía non se interroga polas aras romanas ou polos pazos esboroados no aire de Xelmírez, que tamén os houbo aquí. Nin sequera pregunta polo Bispo Santo que repousa no sartego onde lle deron voltas para a curala de pequena. Pregunta polos seus, que é onde máis a morte doe:

 

Funos chamando un a un

e ningún me contestou.

(…)

¡nin un soio!... ¡nin un soio!...

Donde están?, que deles foi?

 

Sabemos da tomba de Cela, soterrado tamén aquí, mais non sabemos do derradeiro enxido que acolleu os restos de Rosalía, tan só que ficaba preto da porta do osario, cara o sur.

Segundo se recolle no traballo realizado por Xesús Costa e Xesús Santos, entre decembro de 1937 e abril de 1939, os terreos da antiga azucreira de Iria convertéronse nun campo de concentración polo que pasaron uns 3.000 represaliados polo exército franquista, algúns dos que terían que quedar soterrados no Cemiterio de Adina. A maior parte dos presos chegaron directamente por ferrocarril, aínda que algúns foron enviados por barco até Vilagarcía e de alí a Padrón por tren. Dúas foron alí colectividades destacadas: os asturianos chegados ao principio da guerra tras a ocupación de Asturias, e os cataláns represaliados, xa en 1939, tras a caída de Barcelona. Por suposto, foron tamén moitos os presos galegos, en especial da comarca compostelá.

Non fai tanto, as familias do Baixo Ulla levaban ao Cemiterio de Adina os seus nenos para quitarlle o “aire de defunto” cun complexo ritual, que incluía durmir sobre a lápida dunha “tumba santa”.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cemiterio de Adina

Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia

Casa do Eremita

Capela de Santa Teresa