Azucreira de Padrón

Azucreira de Padrón - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Unha actividade que concitou grandes expectativas, e que non chegou a conformalas, foi a fabricación de azucre de remolacha na veiga de Padrón, unha industria que se mantivo durante uns poucos anos e con serias dificultades para subsistir. A Sociedad Anónima Azucarera de Padrón inicia a súa vida empresarial o 29 de novembro de 1899. En febreiro do mesmo ano constituírase no veciño concello de Pontecesures a sociedade Azucarera Gallega, promotora da azucreira de Portas. Na de Padrón, o consello de administración, presidido por Alfonso Osorio de Moscoso e Osorio de Moscoso, Duque de Terranova, estaba integrado por Augusto Comas e Blanco como vicepresidente, Carlos Pazos Varela como xerente, e Teófilo Benar i Segnier, Eduardo Gasset Chinchilla, Saturnino Calderón Ceruelo, José Roig i Domas e Marcelino Varela Artime como vocais.

A azucreira, fortemente vinculada á persoa de Alfonso Osorio de Moscoso por ser o verdadeiro artífice da súa construción e posta en funcionamento, foi inaugurada oficialmente o 15 de novembro de 1901, segundo recollía Faro de Vigo na súa edición do día seguinte. Non pode sorprender a elección do momento, tal vez si a do lugar, tendo en conta que esta industria gozaba dunha forte protección fronte ao exterior e nela era posible obter cuantiosos beneficios. A erección da azucreira garda relación coa etapa final do imperio español, que remata coa perda de Cuba e Porto Rico. Intentábase agora substituír o azucre cubano polo de produción propia a partir do cultivo de remolacha.

Aínda que a constitución da sociedade data do ano 1899, non será até o mes de novembro do ano seguinte cando figure na Declaración de Altas da Contribución Industrial e de Comercio. Nese momento se lle asignan as actividades de “fábrica de azucre de remolacha con doce difusores de corenta e dous hectolitros cada un”, “fábrica de refinación de azucre con nove turbinas” e unha “fábrica de luz eléctrica que produce cento catorce quilovatios de termo medio de produción eléctrica diaria destinada ao uso exclusivo da fábrica de azucre”.

No mes de xullo do ano 1903 rexístrase a nome da sociedade outra instalación consistente nun taller de reparacións que dispón dun torno “e un trade movido por gas e unha máquina de tradear movida a man”. No mesmo que no caso da azucreira de Portas, a maquinaria importouse directamente de Alemaña e a mesma procedencia tiña o persoal técnico encargado de supervisar a posta en funcionamento da fábrica.

A sociedade adquiriu terreos na parroquia de Iria que abarcaban unha extensión de 5,98 hectáreas situadas xunto á liña de ferrocarril. A materia prima, a remolacha, na súa maior parte procedía de Aragón, cunha pequena representación de produción remolacheira local, xa que os produtores padroneses mostrábanse receosos ante o seu cultivo, debido á crenza de que a remolacha queimaba os terreos; e por outra banda un cultivo comercial como o da remolacha azucreira tiña dificultades para inserirse nunha agricultura aínda asentada no que se coñece como policultivo de subsistencia.

Nesta difícil situación do aprovisionamento, a fábrica puido manter a súa produción grazas aos envíos de materia prima procedentes das grandes plantacións aragonesas da Baronesa da Joyosa, sogra do Duque de Terranova, quen fora o verdadeiro impulsor da azucreira. Estes envíos víanse favorecidos pola facilidade de acceso ó ferrocarril. A fábrica viviu unha serie de dificultades á morte do seu principal artífice, o que acabaría levándoa o cesamento da súa actividade, xa no ano 1904.

Coa finalidade de regular a competencia entre produtores creouse no ano 1903 a Sociedad General Azucarera, na que non se integraron todas as fábricas españolas, mais si a de Padrón, creándose así unha forte competencia entre os dous grupos azucreiros españois, que finalmente tivo como resultado unha importante redución do prezo do azucre e as dificultades de moitas empresas para manterse en funcionamento, como foi o caso da azucreira de Padrón, que desaparecía como sociedade no ano 1907 tras acumular grandes perdas.

Desta maneira a azucreira de Padrón, ao contar con pouca materia prima dispoñible e ter uns rendementos en sacarosa moi baixos no seu proceso produtivo, acababa a súa curta vida industrial ao non poder competir na nova situación do mercado azucreiro en España. As instalacións fóronse abandonando e a maquinaria trasladouse en 1912 a La Puebla de Híjar (Teruel), onde se construíu unha nova fábrica de azucre da Sociedad General Azucarera, próxima ás grandes áreas dos cultivos remolacheiros.

Cando Eugenio Carré Aldao escribe para a Xeografía do Reino de Galicia na segunda metade da década de 1920, constata que “cando a implantación da industria remolacho-azucreira, foi Padrón punto elixido para montar unha excelente refinaría, mais deixou de funcionar ao formarse o trust”. Hai que lembrar que a creación de diversas fábricas azucreiras nos anos finais do século XIX, obedecendo ao intento de substituír a produción de azucre de cana de procedencia cubana polo azucre de remolacha, deu lugar a unha situación de sobreprodución de azucre, que superaba sobradamente a demanda interna, coa conseguinte caída dos prezos.

No 1927, nun artigo publicado na revista Eco de Galicia da Habana, José Cardós denunciaba que “Quen queira que por ferrocarril faga un percorrido desde Pontevedra a Santiago, poderá ver próximo á vía do tren dous magníficos edificios en estado ruinoso que por un exceso de amor propio e falta de compenetración entre os seus propietarios e os agricultores desta rexión fai que os elementos cos seus efectos destrutores vaian aos poucos facéndoas desaparecer até que non queden nin os cimentos, cando precisamente, puideran ser dúas fontes de ingresos que por si soas abóndanse para proporcionar o benestar a unha moi extensa bisbarra. Estas son: as azucreiras de Caldas e de Padrón”. O edificio da primeira serviu como almacén dunha explotación agraria nos anos seguintes á guerra civil española, mentres que as instalacións desta última acabaron sendo utilizadas durante a posguerra como campo de concentración para presos políticos. En 1904 cesa a produción e en 1907 desaparece como sociedade.

A comezos de novembro de 1937 entra en funcionamento como campo de concentración. As instalacións empregadas para recluír os presos políticos procedentes de todo o Estado eran unha antiga fábrica de azucre situada na parroquia de Iria, construída á volta de 1899 e que tiña cesado na súa actividade uns anos antes a consecuencia da apertura doutra fábrica das mesmas características en Caldas.

O conxunto carcerario, formado por diversas edificacións e uns predios extensos, atopábase rodeado dunha cerca de arame de espiño, encargándose da súa vixilancia unha guarnición de arredor de oitenta soldados axudados por membros da Guardia Civil que se hospedaban no inmoble que ocupa actualmente a fundación Camilo José Cela. O espazo foi escollido atendendo á súa situación estratéxica, ao estar enclavado nas proximidades dun importante nó ferroviario e ao atoparse relativamente próximo ao porto de Vilagarcía polo camiño de ferro.

O campo de concentración de Iria chegou a acoller arredor de mil reclusos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron este centro de reclusión, o centro de detención viviu dúas etapas diferenciadas definidas pola situación política do momento e a función fixada polo réxime franquista. A primeira, alongarase desde a súa posta en funcionamento até finais de 1938, formando a poboación reclusa persoas procedentes de Asturias e Euskadi, encargándose da vixilancia a Garda Civil da localidade, sendo máximo responsable da mesma o brigada do corpo Juán Reyes Doblado e actuando o presidio como lugar de clasificación para os detidos que eran enviados posteriormente aos campos de Rianxo e Muros. A segunda estapa arranca en febreiro de 1939 coa chegada a Padrón de máis de oitocentos presos do campo de concentración de Morrizar, en Zaragoza, e rematará co seu feche o 2 de abril de 1940, formando neste período a comuna carceraria antigos soldados do exército popular de orixe catalá.

Foi un dos campos de concentración máis duros de Galicia. Os testemuños orais e escritos achegados polos propios reclusos ou pola veciñanza de Padrón coinciden en sinalar o rigor represivo deste centro de internamento onde a tortura e o maltrato eran unha práctica corrente. Ao fin, o inferno na terra para os máis de mil prisioneiros que pasaron ao longo de dous anos.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Fábrica de tecidos de Ángel Ramos

Fábrica de lámpadas Iria

Cerería Cortizo

Azucreira de Padrón