Fonte de San Xoán

Tamén coñecida como a Fonte do Santo, está coroada por unha inscrición e a auga caía nunha pía. Está nunha das portas da muralla do Castro Valente (debía estar máis claro a principios de século), e para Jesús C. Rodríguez está escrita por algún presbítero da veciñanza en 1706, se cadra coincidindo co traslado da ermida a máis abaixo, á Capela do San Xoán do Caeiro (Santa Mariña de Barcala-A Estrada), onde hoxe está, á beira do cruce da estrada de Pontecesures a Baloira, coa pista que baixa a San Miguel da Barcla. Na contorna da fonte aínda se ven as bases dun edificio aos pés da muralla. Cóntase que a imaxe de San Xoán que está na Capela do San Xoán do Caeiro veu desta fonte.
O cardeal del Hoyo (Memorias del Arzobispado de Santiago del Cardenal Jerónimo del Hoyo, 1607) menciona en Santa Mariña da Barcala “una hermita en lo alto del monte que se llama San Juan de Castro Valente, donde dicen había en años pasados gran devoción y concurso de gente”.
O médico, escritor e político estradense Don Manuel Reimóndez Portela apreciaba nela a seguinte inscrición: “RECTOR. DAN b D. O DEVº. DnDIEGO P/Rª. 1705” (A estrada rural, 2007).
Segundo tradición oral, un veciño da parroquia colleu a pía da fonte e colocouna no corral da súa casa, para darlle de comer aos porcos. De alí a uns días morréronlle todos. Non tivo máis présa que devolverlle a pía á fonte do santo. (Castro Valente. San Miguel da Barcala - A Estrada. Pontevedra - M. Reimóndez, 1990:79).
Outras lendas, tanto do Castro Valente como da Fonte de San Xoán refírense á existencia de mouros que tiñan alí as súas fogueiras, vigas de ouro enterradas, doncelas que pronuncian enigmas e se non se acertan desaparecen, ou incluso menciónase a existencia dunha cama de pedra que cura a esterilidade feminina, elemento común a outros puntos da xeografía galega.
- INFORMACIÓN
- Código: PA-AA001
- Outras denominacións: Fonte do Santo
- Tipoloxía: Arquitectura da auga
- Cronoloxía: 1706
- Concello: Padrón
- Parroquia: San Pedro de Carcacía
- Lugar: Monte do Castro Valente
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Na actualidade a fonte atópase seca.
- Protección:
Non
- Referencias:
Castelos no aire. As fortalezas como símbolo do poder aristocrático na Gallaecia (400-600 e.c.)
Castro Valente, una fortificación de control del río Ulla - David Fernández Abella
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.728629456705 , -8.6075919487532
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.