Hórreo de Vigo

Hórreo de Vigo - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Sendeiros de Dodro | Concello de Dodro

No peche dunha finca privada no propio núcleo, ao pé dunha pista asfaltada. Pertence á casa nº 100. Ao Norte deste hórreo, e aliñado con el, levántase a escasos metros outro hórreo.

Fermoso e interesante exemplar de hórreo mixto, único exemplo visto na aldea con decoración insculpida no pinche frontal. Cimentado sobre unha alta repisa de cachotaría de granito restaurado nunha esquina con cemento. Mide uns 1,70 metros de alto e actúa de peche da finca. Non conserva os soportes, asentando actualmente o corpo do hórreo sobre outro pedestal de cemento. O tornarratos é unha peza corrida ao longo de todo o corpo do hórreo. Ten tres claros, con balaústres de madeira e dúas cintas. Tería unha porta de madeira no lateral leste. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra. Penal da fronte de pedra co espazo da porta de madeira (non se conserva), rematado este van nun arco peraltado, cunha fermosa decoración insculpida na parte superior da porta, no pinche do penal. Trátase dun círculo radiado con dúas volutas aos lados e un segundo motivo que difícil de discernir. Penal traseiro tamén de pedra sen fendas de ventilación. Ten sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de uralita. Remates: cruz latina alta de sección cilíndrica, parece que florenzada, aínda que está moi gastada, sobre base cuadrangular; e pináculo moldurado formado por unha sucesión de bloques cuadrangulares de maior a menor dimensión. Orientado ao NE.

No 2010, unha familiar dos antigos propietarios (duns 70 anos) di que este hórreo é moi antigo, que era dos seus bisavós, sendo estes unha familia de moito diñeiro (di que “contaban as onzas de ouro por ferrados”). A factura do van da porta no penal frontal e a decoración insculpida no pinche, indica que este hórreo foi feito por unha familia moi podente. Tería máis de cen anos.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO021
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: Santa María de Dodro
  • Lugar: Vigo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Regular, non conserva os soportes nin a cubrición, introducindo materias de construción modernos (como o cemento). A madeira está en bastante mal estado de conservación.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CP-89)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 63)

    Sendeiros de Dodro

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Manselle

Hórreo de Imo

Hórreo de Bexo

Hórreo de Tarrío