Hórreo da casa reitoral de San Xián de Laíño

Hórreo da casa reitoral de San Xián de Laíño - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Hórreos de Galicia

Situado nunha finca  que se estende pola parte traseira da casa reitoral, xunto co pombal, o cal pertencía tamén á reitoral, ao norte da igrexa parroquial. Ao pé dunha pista.

Fermoso exemplar de hórreo mixto de gran tamaño. A cimentación é unha repisa alta de cachotaría de granito de factura ruda, con tres ocos rectangulares no lateral Este para gardar outros alimentos, leña ou aparellos. Mide uns 80 centímetros de altura. Non ten soportes, asentando directamente o tornarratos sobre a repisa. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo, no cal son visibles rebaixes lonxitudinais para encaixar as doelas dos claros. Ten cinco claros, con balaústres de madeira e unha cinta, con tres portas de madeira no lateral sur, unha para cada propietario. Non ten linteis. Columnas de pedra e cornixa de madeira. Os penais son ambos de pedra, feitos con perpiaños de granito, así como o pinche. Ten sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. As trabes son de madeira e a cubrición de tella do país, en bastante mal estado. Non conserva os remates. Orientado ao NE-SW.

Orixinariamente todo o hórreo era de propiedade eclesiástica, pertencente á casa reitoral, xunto cunha gran extensión de terreo. Sen embargo, hai uns anos uns veciños comezaron a mercar diversas leiras situadas na antiga propiedade da reitoral e con elas pasaron a ter a propiedade de partes do hórreo. Cronoloxicamente, tería a mesma antigüidade que a casa reitoral e a igrexa parroquial, a cal foi construída a mediados do século XVIII.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO001
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: Século XVIII
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: A Igrexa
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Moi boa, actualmente restaurado.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CP-33)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 74)

    Hórreos de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Eira da Malla de Bexo (2 hórreos)

Hórreo de Castro

Hórreo de Lestrobe

Hórreo de Manselle