Fonte do Mineral

Fonte do Mineral - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Xoán Xosé Vicente

Fonte de auga sulfurosa que nace nunha braña ao carón do río Ulla. Está sen traballar, saíndo a auga de forma natural.

Manuel Lorenzo Baleirón, no seu libro “Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga”, escribe desta fonte: “Nas brañas de Bexo, en Anguieiro (Anquieiro na fala nosa) está A Fonte Mineral ou A Fonte do Mineral, nunhas campías preto do río. Pedro Gómez de Bedoya na 'Historia universal de las fuentes minerales de España' do ano 1765 dedica media ducia de páxinas a comentar as propiedades destas augas 'cuyo caudal sale a Oriente a borbollones, fría y muy clara, manando la cantidad de agua, que puede hechar una teja, quando llueve bien'. Di que o sabor é astrinxente e que bañando nela unha moeda de prata ponse denegrida. Afirma que contén nitro e vitriolo, que curou dos herpes ó cura de Laíño e que sandou a un impedido que puido abandonar as muletas. Gregorio de Hermida e Diego Ballesteros del Mazo (donos dos pazos de Lestrobe e Tarrío respectivamente) saíndo a cazar por estas paraxes, bañaron alí un cabalo con sarna e mandaron tamén que se metera na fonte o criado, que tiña unha úlcera antiga nunha perna. Sandaron os dous. Se os señores se bañaron non se nos conta, que gardaban máis en segredo as súas doenzas que a xente do común. No curioso 'Tratado de las enfermedades más frecuentes de las gentes del campo' (1776), na táboa 'De las fuentes marciales o vitriolicas', figuran tres no Reyno de Galicia, entre elas 'La fuente de Layno, en Bejo, a cinco leguas de Santiago'. Está tamén a nosa fonte no 'Tratado práctico de la gota' (1791) onde se fala das marabillosas propiedades das súas augas para curar a enfermidade e no 'Manual Geográfico Administrativo de la Monarquía Española' de 1844, apartado de 'Aguas Minerales'. Pisamos unha terra inzada de augas soterradas, furada coma unha peneira aquí e acolá polos infinitos borbullóns dos mananciais. Rosalía, que viviu tamén neste país de auga, nun dos seus recontos de ausencias despídese antes que nada dos ríos e das fontes. Era amante delas e hai un poema no que dorme á súa beira. Cecais a espertara na madrugada o ruído cantareiro na canle de pedra do vello torreón dos Hermida para escribir eses versos. Eusebio Lorenzo, no primeiro poema do seu primeiro libro, promete 'A eternidade para aquel que xorde en primavera de dentro das fontenlas'”.

Algúns dos milagres feitos pola auga desta fonte:

- O P. FR. Juan de San Joseph, Carmelita descalzo do Convento de Padrón, curou fortes dores de reumatismo, grazas aos baños que facía en dita fonte.

- Un cura de Laíño curou dous herpes que tiña.

- A mesma auga sandou a un impedido que puido abandonar as muletas.

- É unha auga moi boa para mover a ouriña e o ventre.

No seu día houbo un intento de sacarlle rendemento á auga da fonte. Foi sobre o ano 2005, cando tres persoas emprendedoras propuxéronse montar un balneario na zona, aínda que se atoparon con moitas trabas. Entre elas, os permisos de Costas, Augas de Galicia ou Medio Ambiente ao situarse a fonte en terreos afectados por estes organismos.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Fonte de Rialiño

Muíño do Souto

Muíño Caixón

Lavadoiro de Bexo