Pazo da Hermida

Pazo da Hermida - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Lmbuga

Construción do século XVII, formada a base da reconstrución dunhas torres medievais defensivas que vixiaban a ría de Arousa, e a anexión dun corredor entre elas. Ten estrutura de planta en L, composta por un corpo central de dúas alturas, flanqueado inicialmente por unha torre, a da á sur, que posteriormente se completou coa da á norte.

É precisamente nesta última onde se atopa o escudo brasonado dos Bolaño. Na parte posterior atópase cunha media lúa propio da familia dos Luaces. Os muros son de cadeirado irregular, cos marcos de portas e xanelas de cantaría, aloxando carpintaría de madeira. Destaca na súa fachada leste unha balconada que percorre todo o ancho da edificación, con soporte de pedra e enreixado metálico. Cuberta a catro augas en ambas torres, e dúas no resto, con rematado de tella curva sobre armazón de madeira.

En Lestrobe, onde Rosalía de Castro pasou algúns dos días máis felices, e onde casou súa tía Maripepa co morgado Gregorio Hermida. “¡Ouh miña parra de albariñas uvas, / que a túa sombra me dás!”. Entre mirtos, buxos, castaños de indias e loureiros, “limoeiros e laranxos / que o verde musgo sombrean”. No pousadoiro da Durmida, como sempre lle chamaron os da aldea, nacéronlle os xemelgos Gala e Ovidio e escribiu prosas e poemas.

 

Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

 

O seu curmán Pepe Hermida defendeu que ficase enterrada na Adina. “¡Quero quedar onde os meus dores foron!”. O fidalgo de longas barbas, debuxado por Castelao, escribía encendidos versos loubando os “contornos indecisos” das viúvas de Padrón e entrou na catedral cunha escopeta para matar o apóstolo. En Lestrobe criouse tamén Eduardo Ruiz Pons, amigo da familia, que loitou con Garibaldi. Aquí estaban ela amais Murguía nos días en que estalou a Gloriosa, a Revolución de 1868, e nestes apousentos pintou en 1880 Modesto Brocos o seu retrato.

Sempre se dixo que Rosalía escribía á sombra dun érbedo (Arbutus unedo). Cando moito despois secou a vella árbore, o dono das Torres naquel tempo, o republicano Xosé Batalla, mandou chamar os veciños de Lestrobe e cavaron unha gran gabia para enterrala con respecto, coma se dunha persoa se tratara.

Tamén o 26 de marzo de 1930 asinouse nel o Pacto de Lestrobe, para unir ás distintas forzas galeguistas e republicanas para crear a Federación Republicana Galega, que finalmente rematou coa proclamación dun réxime republicano e a consecución dun estatuto de autonomía para Galicia.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa de Camoiras

Escola Avelino Abuín de Tembra

Casa de Eusebio Lorenzo Baleirón

Pazo de Tarrío