Fonte Gaiteira
Imaxe: @currunchos_galegos
Fonte de dobre cano que se insire nunha das caras dun cubo de cantaría situado por debaixo do nivel do chan. Xa que logo para acceder a ela cómpre descender por unha escalinata pétrea. De sinxela factura, o depósito orixinal aparece coroado por un edículo ornamental recentemente instalado. O perímetro da fonte aparece protexido por un muriño de contención de escasa altura.
No 2008 constituíse a plataforma cidadá Salvemos a Fonte Gaiteira en oposición á construción da nova casa do concello e un auditorio-multiusos neste lugar, reclamando que a parcela fora convertida nun gran espazo verde. O que segue a continuación foi o manifesto desta plataforma:
Diante da aberración que pretende facer o Concello de Catoira na Fonte Gaiteira, onde quere construír un macroedificio, para albergar unha nova casa do concello e un auditorio-multiusos, son moitos os veciños e veciñas da nosa vila, que discrepan da ubicación desa obra e da necesidade de construír unha nova casa do concello. Por esta razón, o pasado domingo 14 de setembro, reuníronse nese parque máis de cen persoas en asemblea aberta, na que se acordou formar unha Plataforma Cívica para conseguir salvar a Fonte Gaiteira. Un parque que debemos preservar e ampliar para desfrute xeral da cidadanía.
Na devandita asemblea, atopábanse tamén representantes de diversas asociacións como Adega, que é a organización ecoloxista máis importante de Galicia, Asociación de Gaiteiros Galegos, Ateneo Vikingo, a asociación de mulleres rurais “Ascuas”, sociedade de San Antonio de Padua etc.
A nosa vila, non pode perder a posibilidade de ter no centro do pobo un parque, que pola súa amplitude, daría aos veciños e veciñas das catro parroquias de Catoira diversos servizos, parque infantil, zonas de lecer, lugar de concertos no verán ao aire libre etc. Sería un auténtico despropósito, renunciar a ter ese gran parque, para construír unha nova casa do concello que ninguén demanda e tendo espazos de sobra para ubicar o auditorio‐multiusos.
Ao carón desa parcela, formando todo un conxunto homoxéneo, harmónico, atópanse un muíño e outros bens protexidos por patrimonio, ao estar catalogados como ben de interese cultural, a ponte, a igrexa etc. O lóxico é darlle a todo isto un tratamento global integrando todo nun gran parque.
En Catoira temos unha serie de valores que nos distinguen e nos dan unha personalidade propia como pobo, os muíños de vento, de auga, de marea, as Torres de Oeste etc. Cunha pequena inversión, teriamos no centro do pobo outro valor que nos distinguiría e sería outro símbolo de identificación da nosa vila, o parque da Fonte Gaiteira. Renunciar a isto para facer un edificio, é converternos nunha vila estándar, sen personalidade, é renunciar a ir sumando valores e símbolos, que son os que fan atractivo a un pobo.
- INFORMACIÓN
- Código: CA-AA050
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arquitectura da auga
- Cronoloxía: -
- Concello: Catoira
- Parroquia: San Miguel de Catoira
- Lugar: A Ponte
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira (E_085) - Aprobación inicial de 2012
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira - Aprobación inicial de 2012
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.667761482592 , -8.7212928834264
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.