Cruceiro de Vilar
Imaxe: Vanesa Lago Somoza
Este cruceiro posúe un baseamento de planta cuadrangular composto por dous chanzos (segundo a información consultada na publicación “Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa”, no ano 1986 o baseamento constaba de tres chanzos localizados sobre unha laxe natural) sobre os cales érguese un pedestal cúbico (carente de ornamentación) coas arestas superiores rebaixadas. Nunha destas arestas pódese apreciar unha inscrición que lamentablemente non é lexible.
O fuste desta construción é de sección octogonal (a excepción do espigón, que ten forma cuadrangular) e carece de ornamentación. O capitel continúa a composición cunha sección octogonal no seu comezo para rematar en forma cuadrangular. Caracterízase por posuír unha sinxela decoración de formas xeométricas (gravado dunhas volutas nas esquinas do capitel).
O conxunto está rematado por unha cruz de sección octogonal que posúe representacións nas dúas caras. No anverso aparece representado Cristo crucificado, unha figura de tres cravos (o seu pé dereito colócase sobre o esquerdo para poder colocar un único cravo nestas extremidades). A imaxe caracterízase por inclinar a súa cabeza cara a dereita e levar o pano de pureza (perizoma) atado na parte dereita. Destaca o feito de que coa súa man dereita está bendicindo (ten a man pechada mentres estende os dedos índice e corazón) mentres que a man esquerda está aberta. No reverso aparece representada a figura da Virxe co Neno en brazos, erguéndose esta sobre un pedestal que ten unha flor labrada na súa parte inferior. A imaxe da Virxe está vestida cuns pesados roupaxes que cobren toda a súa figura. Tamén ten un pano que a cubre desde a cabeza até os pés. Sostén ao Neno Xesús co brazo esquerdo. A figura do Neno ten unha posición ríxida, apreciándose perfectamente o rostro, os brazos e os pés. O seu brazo esquerdo está apoiado sobre o seu peito mentres que o brazo dereito, está apoiado sobre a Virxe.
Mencionar o feito de que existen fotos antigas do cruceiro desmontado e do crucifixo gravemente danado (o Cristo estaba decapitado, carecía de brazos e pernas, mentes a Virxe tamén aparecía decapitada). Descoñécese a data de restauración do crucifixo, mais a veciñanza aínda se lembra del sen crucifixo.
- INFORMACIÓN
- Código: VI-ER001
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Elementos relixiosos
- Cronoloxía: -
- Concello: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: San Xens de Bamio
- Lugar: Vilar
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (50 PHA)
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico
- Referencias:
Marín Martínez, X. R. e González Pérez, C. Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa. Editorial Galaxia, 2003
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.628338523377 , -8.7607353210629
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.