Gaseosas A Nosa

Gaseosas A Nosa - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Segundo se conta na web de Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial), a primeira elaboración de gasosas en Galicia fixérase en Santiago en 1874, tal vez naquel restaurante que inaugurara na compostelá rúa das Orfas o suízo Antonio Mengotti, como outros compatriotas fuxido do Cantón dos Grisones na procura dunha vida mellor. Dous anos máis tarde, abríase na rúa Nova o Café Suízo, no que os Mengotti tamén ofrecerían a novidosa gasosa.

Coas facilidades que ía proporcionando a técnica, a elaboración das bebidas gasosas iría tamén popularizándose, e non tardarían en xurdir as fábricas por Galicia adiante. Gaseosas Zabala sería fundada en 1882 polo aristócrata Ángel Zabala, orixinario de Cangas do Morrazo e promotor, tamén en Pontecesures, do Almacén de Coloniais, Ultramarinos Zabala e da primeira liña de autobuses que houbo entre Cesures e Padrón.

En 1901 Gabriel Buceta poría en funcionamento a segunda fábrica de gasosas de Pontecesures. Traspasada en 1905 a José Sierra, en 1907 pasaría a ser xestionada pola taberneira Rosa Braña, que comercializaría o produto co nome de Gaseosas Braña. Serían despois moitos os pequenos negocios que xurdirían por toda Galicia ao abeiro das melloras técnicas que simplificaban os procesos e abarataban os custos.

No decenio de 1960, entre Cesures e Sanxenxo chegarían a contarse na península do Salnés até catorce fábricas de gasosas. Naqueles tempos aínda se contaban por miles as marcas espalladas por España adiante, marcas locais e de elaboración artesanal que desde os comezos da década de 1950 estaban a sufrir a expansión e a competencia das tres primeiras grandes marcas estatais, as madrileñas La Casera (1949) e La Revoltosa (1951) e a valisoletana La Pitusa (1957).

Manuel González Rollán, fillo do dono da vilagarciá Imprenta Celta (Severino González Lazán) e empregado do Banco de Bilbao, creara en 1964, en Vilagarcía de Arousa, unha fábrica de gasosas e refrescos que tiñan o nome de Koso como marca comercial, e que se consumía principalmente en Vilagarcía, Vilanova e a Illa de Arousa.

As gasosas refrescos Koso chegarían a ser moi populares en media provincia de Pontevedra, e o dono da fábrica acabaría sendo coñecido como Manolo Koso. Como as demais fábricas de gasosas tradicionais, Koso sufriría a forte e crecente competencia que representaba La Casera, e o seu propietario tería por certo que, de non concentrarse para aumentar de tamaño, as pequenas fábricas locais non tardarían en desaparecer baixo a presión da empresa madrileña.

As conversacións cos seus competidores do Salnés e a posta en común da preocupación pola ameaza que supuña a imparable expansión de La Casera, acabarían por frutificar e, baixo o impulso de Manuel González Rollán e Gustavo Adolfo Puceiro Llovo, en 1968 as catorce fábricas de gasosas que funcionaban no Salnés uniríanse para constituír o día 1 do mes de maio de 1972 a compañía Carbónica Arosana, S.A., que construiría unha moderna fábrica de envasado, a primeira industria que se instalou no Polígono Industrial de Bamio, no concello de Vilagarcía de Arousa.

A nova fábrica de Bamio utilizaría as augas do manancial de San Xens, no Monte Xiabre, para o envasado dos seus fabricados, que se comercializarían coa marca A Nosa. O 6 de xullo do ano 2001, a xunta xeral universal de Carbónica Arosana, Sociedad Anónima aprobaría a disolución e liquidación da sociedade.

As instalacións da empresa no Polígono Industrial de Bamio serían adquiridas pola familia Pousada, que tamén sumaría a marca comercial A Nosa a súa tradicional marca J. Pousada, que viña empregando desde os primeiros anos do século XX para as gasosas e refrescos que elaboraban na súa fábrica do Seixo, no concello de Marín.

No mesmo ano 2001 a auga do manancial de San Xens, a que viña sendo utilizada desde a década de 1970 para os produtos elaborados na fábrica de Bamio, sería declarada de utilidade pública coa condición de mineral natural e envasada e comercializada por Disbepo, S.L. coa marca auga mineral natural Sanxinés. Os herdeiros de J. Pousada tiñan fundado como senllas compañías para a fabricación e comercialización de bebidas Herederos de J. Pousada, S.L., o 2 de xaneiro de 1996, e case dous anos despois Disbepo, S.L., o 9 de decembro de 1997.

No mes de maio do ano 2012, Antonio Pousada Carballo, morría electrocutado na fábrica, cando trataba de reparar unha avaria nun cadro eléctrico. No mes de setembro, José Manuel, o seu irmán e propietario da sociedade, sufría un grave accidente por salpicadura da sosa cáustica empregada na limpeza das botellas.

Con todo, na actualidade continúa prestando servizo a fábrica de gasosas e refrescos que conseguira agromar da unión do conxunto das catorce fábricas que houbera no Salnés.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Forno da Granxa

Pedra da Laxe

Gaseosas A Nosa

Restos de fornos do Campanario