Escola da Emigración de Ferreirós

Escola da Emigración de Ferreirós - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: CRA de Valga

Este edificio, que destaca pola súa sobriedade e racionalidade construtiva, está feito nun soar elevado con respecto á rúa, o que lle permite ter amplas vistas e unha situación destacada na contorna. O recinto está pechado por un muro de pedra no que se integra unha escalinata central para poder acceder a el.

Trátase dun edificio dun só andar, de forma rectangular, con cuberta de tella a dúas augas e, a pesar de ser de pequeno tamaño, conta con numerosos vans en todas as fachadas situados simetricamente. Está construído en cachotaría irregular, agás algúns elementos que son en cantaría, como os remarques dos vans, o baseamento e catro bandas verticais (nos extremos da porta principal e nos esquinais) que imitan unhas pilastras.

Como elemento ornamental podemos subliñar un pequeno frontispicio co que remata a fachada, formado por curvas (xogo de formas cóncavas e convexas), no que hai unha inscrición co ano de inauguración da casa-escola. Aos lados ten dous pináculos que se repiten nos extremos da cornixa. Esta conta cunhas molduras que a fan sobresaír do paramento. Xusto debaixo da cornixa hai unha banda horizontal que percorre toda a fachada principal cunhas letras en relevo co nome da sociedade promotora da escola.

Enriba da porta principal consérvase unha placa de mármore branco na que podemos ler: “CASA-ESCUELA DONADA POR LA SOCIEDAD DE RESIDENTES DE CORDEIRO EN BUENOS AIRES 1947.

Este edificio foi promovido pola Sociedad de Residentes de Cordeiro, Instrucción y Protección en Buenos Aires, fundada polos emigrantes naturais da parroquia de Cordeiro, residentes na capital arxentina. Foi creada coa finalidade de construír na súa parroquia natal un edificio que albergase varias aulas de ensino primario de carácter mixto, onde puidesen recibir instrución gratuíta os nenos e nenas da parroquia. Neste edificio, inaugurado en 1913, funcionou tamén unha biblioteca popular e unha sala de lectura para escolares e adultos. A sociedade promotora encargouse, así mesmo, de pagar o soldo dos mestres.

Xunto ao actual edificio do Teleclube de Cordeiro, foi sede do Sindicato Agrario de Cordeiro. O Sindicato Agrario de Cordeiro foi fundado en 1908 por Francisco Carbia, xunto con Constante Couselo Bouzas e Gumersindo Ferro Barreiro, e logo o seu fillo Celestino Carbia, baixo o nome Sindicato Católico Agrícola de Cordeiro bajo la advocación de la Virgen de los Dolores, pasando logo a ser Sindicato Agrario de Cordeiro. Unha das súas principais motivacións para a súa creación foi poder ofrecer unha escola á freguesía.

Gumersindo Ferro e Francisco Carbia estiveron emigrados, fixeron de ponte para que, coa fundación da Sociedad de Residentes de Cordeiro, Instrucción y Protección en Buenos Aires, se puidese en 1913 inaugurar esta escola. Segundo as investigacións de Raúl Soutelo, a formación do sindicato foi neste contexto sociopolítico unha táctica dos labradores de Cordeiro para oporse á rede liberal de Otero Bárcena e familias comerciantes de Pontecesures (2007:295).

O sindicato chegou ter 225 afiliados e destacaba polo bo funcionamento e rendibilidade. O carácter progresista do sindicato era palpable, desde a modernización nos apeiros e sistemas de compra venda para evitar a estafa aos labradores, até a propia escola, que chegou a ter 80 rapaces, un número elevado de asistencia naquela altura.

O Sindicato Agrario de Cordeiro foi mudando de presidencia. En 1921 estaba Francisco Carbia de presidente. Data na que o volume de negocio do sindicato se multiplicara grazas á simbiose de abastecemento entre os agrarios de Cordeiro e os comerciantes de Pontecesures, como era o famoso comerciante Zabala.

Celestino Carbia tamén foi o sucesor de seu pai como presidente do sindicato até a data da súa detención e posterior asasinato. Gumersindo e os de Novaíño seguirían co sindicato, que fora presidido maiormente por parte dos republicanos. En 1946 converteuse na Cooperativa del Campo de Louro e integrouse na UTECO, adaptándose pois á política imposta polo réxime franquista.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escudo de Don Pedro de Antelo

Casa de Carolina Otero

Casa Grande de Seárez

Casa de Xesús Ferro Couselo