Pazo dos Baltar

Pazo dos Baltar - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: flickr/galbanlesende

Situado nos altos de Tanxil, este chalé comezouse a edificar cando o autorizou o Concello, en setembro de 1913. Os traballos estiveron a cargo do mestre de obras de Santiago, Perfecto Fontán, e do canteiro de Rianxo, Manuel Iglesias Eiras. O arquitecto foi Eduardo Rodríguez-Losada.

Está formado por un conxunto de varios volumes que data de principios do século XX, situado sobre a Praia de Tanxil, nunha finca que chegaba até esta, dispoñendo mesmo dun dique construído en pedra, situado nunha cova natural que hai ao pé da praia. Edificio principal de estilo ecléctico, de planta rectangular e dous andares, cunha torre anexa no extremo sur de tres alturas. Estrutura de formigón con muros enfuscados e cuberta a dúas augas de tella con cornixas molduradas. Fachada principal orientada á praia, con terraza no segundo andar sobre pilastras, configurando un pórtico de acceso, actualmente pechado con carpintería de aluminio. Torre con balcón central e semigalería superior. Ocos rectangulares coas arestas superiores redondeadas e carpintería de dúas follas de madeira. Decoración sobria de motivos xeométricos nas fachadas principais.

Foi mandado construír por Ángel Baltar. El foi quen fixo posible que os servizos como a luz e o teléfono chegaran a Rianxo. Tanxil foi refuxio familiar cando se produciu a epidemia da gripe de 1918 e Ángel Baltar dedicouse a atender aos enfermos da localidade. Foi quen encargou a imaxe da Virxe da Guadalupe e quixo que “a dulce imaxe da virxen patrona da vila se alzase como orientación consoladora para a xente do mar”. Estivo no dique até o 2005, cando os herdeiros Baltar decidiron retirala ante o perigo que corría polos constantes derrubamentos que se producían na zona.

Ángel Baltar, prestixioso médico, con consulta en Santiago, mantivo boa amizade coa familia Castelao, decisiva á hora de escoller Tanxil como lugar de veraneo. Mariano Rodríguez e os fillos eran invitados con asiduidade á nova casa e a pasear no seu iate pola ría. Baltar operou duns ganglios a Castelao, en maio de 1911. Por este chalé pasaron ilustres médicos e homes de ciencia da Universidade de Santiago e doutros centros docentes do Estado, amigos do doutor Baltar, así como destacadísimos intelectuais e científicos da época: Pío del Río Hortega, Varela Radío, Nóvoa Santos…

Actualmente atópase á venda.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa dos Aguirre

Casa reitoral de Santa María de Isorna

Casa de Gran Mean Pinal

Casas de Rañó