Hórreo de Tarrío

Hórreo de Tarrío - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Beatriz Pereiras

No lugar coñecido como Eira dos Hórreos, ao pé dunha pista asfaltada.

A cimentación é unha repisa de cachotaría de granito en moi mal estado, de 1,20 metros de altura. Fáltanlle pedras e está cuberto en parte por vexetación. Os soportes son catro cepas de pedra molduradas na parte superior e inferior. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten tres claros con balaústres de madeira, en moi mal estado os dos extremos, o do medio xa foi restaurado, e dúas cintas. Presenta tres portas de madeira, unha por cada claro, no lateral oeste. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra, esta última moldurada. Os dous penais son de pedra, un con oito fendas de ventilación horizontais e o outro (o norte) con dez fendas. A cornixa separa os dous penais dos seus pinches. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de tella do país, en moi mal estado. Remates: cruz latina florenzada con botón central, cos ángulos en chafrán e sobre base en escocia; e remate traseiro circular con molduras no perímetro exterior, sobre base cuadrangular e con remate alongado tamén moldurado no seu perímetro. Orientado ao NE-SW.

No 2010, un veciño de 82 anos díxonos que o recorda aí toda a vida, mais non sabe precisar a súa cronoloxía. Probablemente ten máis de 100 anos. Nesta Eira quedan restos doutro hórreo, de maior tamaño, que tan só conserva en pé a repisa, de perpiaño, sendo visibles os pés tirados encima dela.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO034
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Tarrío
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Moi mala, totalmente abandonado. A madeira está en moi mal estado, así como a cubrición. O entorno adoece tamén dun gran abandono.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 158)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Lestrobe

Hórreo de Traxeito

Hórreo de Bustelo

Hórreo de Traxeito