Hórreo de Bustelo
Imaxe: Beatriz Pereiras
Situado nunha cortiña no centro da aldea.
Fermoso exemplar de hórreo mixto de factura ruda. A cimentación non é visible. Os soportes son catro cepas de granito labradas na parte superior, con remates semicirculares e poligonais. Os gabinetes están pechados con cemento e malla metálica para galiñeiro e outros usos domésticos. Tornarratos corrido ao longo de todo o corpo do hórreo. Ten tres claros, con balaústres de madeira e unha cinta. Ten unha porta de madeira no lateral leste. Os esquinais son de pedra, con catro fendas de ventilación horizontais. Linteis, columnas e cornixa de pedra. Os dous penais son de pedra, con dez fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de tella do país, en bastante mal estado. Remates: cruz latina baixa sobre base en escocia no penal Norte; e pináculo piramidal sobre base cuadrangular no penal sur. Orientado ao NE-SW.
Segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, sería de arredor de 1880, pola súa formidable estrutura, pola súa rusticidade e pola sinxeleza dos seus elementos. Por outra parte, son os anos en que se asenta definitivamente o cultivo do millo nesa aldea. Parece que o cultivo do millo en Bustelo introdúcese con 150 anos de retraso. Namentres que nas aldeas situadas no val do Ulla, reciben os primeiros grans de millo na segunda metade do século XVIII (por 1776), a Bustelo chegan en cambio por 1880, e con menos forza coa que se implantan nas outras aldeas da parroquia. Bustelo era un núcleo afastado, sen ningún tipo de relación humana coas demais aldeas, non só por falta de vías de comunicación, se non tamén por un legado recibido: era unha aldea de leprosos, tanto, que nos libros da parroquia nunca figura a aldea de Bustelo senón a aldea de Guixar, hoxe na práctica desaparecida.
- INFORMACIÓN
- Código: DO-HO041
- Outras denominacións: Hórreo de Soñora
- Tipoloxía: Hórreos
- Cronoloxía: 1880
- Concello: Dodro
- Parroquia: San Xoán de Laíño
- Lugar: Bustelo
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Regular, debido ao paso do tempo. A madeira e a cubrición de tellas están en mal estado, moi gastados. Sería preciso tamén limpar a pedra.
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia
- Referencias:
Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 207)
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.73208159313 , -8.7696527007056
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.