Pazo de Hermida

Pazo de Hermida - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Lmbuga

As Torres de Lestrobre son unha construción do século XVII, formada a base da reconstrución dunhas torres medievais defensivas que vixiaban a ría de Arousa, e a anexión dun corredor entre elas. Ten estrutura de planta en L, composta por un corpo central de dúas alturas, flanqueado inicialmente por unha torre, a da á sur, que posteriormente se completou coa da á norte.

É precisamente nesta última onde se atopa o escudo brasonado dos Bolaño. Na parte posterior atópase cunha media lúa propio da familia dos Luaces. Os muros son de cadeirado irregular, cos marcos de portas e xanelas de cantaría, aloxando carpintaría de madeira. Destaca na súa fachada leste unha balconada que percorre todo o ancho da edificación, con soporte de pedra e enreixado metálico. Cuberta a catro augas en ambas torres, e dúas no resto, con rematado de tella curva sobre armazón de madeira.

En Lestrobe, onde Rosalía de Castro pasou algúns dos días máis felices, e onde casou súa tía Maripepa co morgado Gregorio Hermida. “¡Ouh miña parra de albariñas uvas, / que a túa sombra me dás!”. Entre mirtos, buxos, castaños de indias e loureiros, “limoeiros e laranxos / que o verde musgo sombrean”. No pousadoiro da Durmida, como sempre lle chamaron os da aldea, nacéronlle os xemelgos Gala e Ovidio Murguía e escribiu prosas e poemas.

Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

O seu curmán Don José de la Hermida y Pazos de Borbén, sendo coñecido como Don Pepito Hermida, defendeu que ficase enterrada na Adina. “¡Quero quedar onde os meus dores foron!”. O fidalgo de longas barbas, debuxado por Castelao, escribía encendidos versos loubando os “contornos indecisos” das viúvas de Padrón e entrou na catedral cunha escopeta para matar o apóstolo. En Lestrobe criouse tamén Eduardo Ruiz Pons, amigo da familia, que loitou con Garibaldi. Aquí estaban ela amais Murguía nos días en que estalou a Gloriosa, a Revolución de 1868, e nestes apousentos pintou en 1880 Modesto Brocos o seu retrato.

Sempre se dixo que Rosalía escribía á sombra dun érbedo (Arbutus unedo). Cando moito despois secou a vella árbore, o dono das Torres naquel tempo, o republicano Xosé Batalla, mandou chamar aos veciños de Lestrobe e cavaron unha gran gabia para enterrala con respecto, coma se dunha persoa se tratara.

Tamén o 26 de marzo de 1930 asinouse nel o Pacto de Lestrobe, para unir ás distintas forzas galeguistas e republicanas para crear a Federación Republicana Galega, que finalmente rematou coa proclamación dun réxime republicano e a consecución dun estatuto de autonomía para Galicia.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Vivenda circular Nº 2 de Castro

Pazo de Hermida

Escola de Chenlo

Escola de Lestrobe