Alquerque Nº 1 das Torres de Oeste

Alquerque Nº 1 das Torres de Oeste - Catoira - Santa Baia de Oeste

Imaxe: Colectivo A Rula

Ao igual que o Alquerque Nº 2 das Torres de Oeste, trátase dun alquerque de 9 localizado á beira das Torres de Oeste, semellante a moitos outros taboleiros de xogo localizados en castelos e mosteiros medievais en Galicia, na Península e en moitos países europeos e do Mediterráneo. Coñecido desde os tempos de Grecia, atribúeselle ao comerciantes fenicios a súa difusión polo Mediterráneo (Hidalgo Cuñarro, 2009). Emprégase durante todo o Medievo, posiblemente polo influxo dos musulmáns (alquerque / el-quirkat, significa xogo) instalados na península.

É coñecido por varios nomes: Muíño en Galicia, Moinho en Portugal, Mill ou Morris no Reino Unido, Merelles en Francia, Mülhe en Alemania, Molle en Noruega, ou o xenérico “alquerque de 9” para diferencialo das outras variantes, o alquerque de 3 e de 12.

Un deseño formado por tres cadrados ou rectángulos concéntricos subdivididos por medio de liñas que marcan as diferentes zonas de colocación das pezas. As regras de xogo aparecen recollidas no famoso libro dos xogos (ou Xogos diversos de Xadrez, dados e táboas) encargado por Alfonso X O Sabio a mediados do século XIII. O actual xogo das damas é unha variante do alquerque e nace como resultado de xogar ó muíño sobre un taboleiro de xadrez.

Lamentablemente está moi erosionado e non é doado de ollar, se cadra por iso pasou desapercibido até a actualidade.

O alquerque non está catalogado nin protexido. É un elemento que non se atopa na súa posición orixinal polo que o máis axeitado sería trasladalo ao CACTO (Centro de Activación Cultural Torres de Oeste) para a súa axeitada mostra mediante unha iluminación axeitada que permita a súa visualización acompañado dun pequeno cartel explicativo.

Como sucede co Alquerque Nº 2 das Torres de Oeste e co Petróglifo das Torres de Oeste, non conta con ningún tipo de sinalización, nin se adoptan as medidas oportunas cada vez que se procede á limpeza da súa contorna. É una mágoa que centos de visitantes e turistas que cada ano pasan por este emblemático lugar descoñezan a existencia destes gravados.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa Nº 1 de Menlle

Petróglifo das Torres de Oeste

Torre de Barral

Petróglifo da Xesteira