Petróglifo do Pinar do Rei

Petróglifo do Pinar do Rei - Catoira - Santa Baia de Oeste

Imaxe: Megaliticia

Tamén coñecido como Petróglifo das Lombas ou A Pedra dos Nenos, trátase dun dos gravados identificados polo arqueólogo Antonio de la Peña Santos a comezos dos anos 70. Foron declarados Monumento Histórico-Artístico de carácter estatal dentro dunha listaxe de 195 conxuntos de gravados rupestres da provincia de Pontevedra e publicada no Boletín Oficial do Estado o 10 de marzo de 1975, asignándolle o número 40.

Anterior ao traballo de Antonio de la Peña Santos, foi estudado tamén por outros investigadores, como Ramón Sobrino Lorenzo nos anos 50, destacando os calcos e fotos realizados por este último.

É posible que o topónimo do sitio faga referencia a unha antiga parcela dedicada á produción de madeira como acontece con outros lugares nomeados Pinal ou Pinar do Rei, Carballeira Real ou Devesa Real, terreos acoutados para abastecer de madeira á marina de Ferrol no século XVIII. O transporte desta madeira até Ferrol realizábase vía fluvial até o mar e desde alí até o porto ferrolá.

Ramón Sobrino Lorenzo rexistrou con meticulosidade as dúas estacións rupestres que forman este conxunto. Os seus debuxos a lapis e posterior acabado en tinta e as diferentes fotografías realizadas deixan constancia das dimensións de cada motivo, a disposición dos gravados nos diferentes paneis e a distancia entre eles. Por desgraza, só está localizada a primeira estación formada por unha combinación de dobre anel con oito coviñas no interior e cova central da que parte un suco radial (marcando o solsticio de inverno) que ten acaroados varios aneis con coviña central. Ao seu carón figuran outro círculo simple e un anel que bordea un pequeno grupo de catro coviñas.

O segundo panel estaría, segundo sinala Sobrino Lorenzo, a uns 7 metros, formado por unha espiral e varias cazoletas e coviñas.

No ano 2016, desde o Catoira S.D. trataron de volver atopar este petróglifo duns 4.000 anos de antigüidade (Idade do Bronce). Cos traballos de investigación realizados polos xogadores e a grande colaboración do arqueólogo Ángel Acuña, é de novo localizado a 50 metros ao norte do campo de fútbol. Este achado quedou documentado na curtametraxe titulada A pedra dos nen@s, gañadora do premio do público no certame Telearqueoloxía.

  • INFORMACIÓN
  • Código: CA-AQ012
  • Outras denominacións: Petróglifo das Lombas ou A Pedra dos Nenos
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Idade do Bronce
  • Concello: Catoira
  • Parroquia: Santa Baia de Oeste
  • Lugar: Corredoira das Lombas
  • Acceso a pé: Regular
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Parte da rocha desapareceu debido á actividade dos canteiros. Na actualidade non existen ningunha medida que garanta a súa conservación. Parte dos gravados están cubertos pola vexetación.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira (X_0012-GA36010012) - Aprobación inicial de 2012

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Ana González

    A pedra dos nen@s | Telearqueoloxía

    Ilha de Orjais

    Megaliticia

    Cristina Conde Escaloni

    Colectivo A Rula

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa Nº 1 do Monte das Mámoas

Alto da Siagoga

Marcos do Pinar do Rei

Camiño Real de Catoira