Colexio da Renfe

Colexio da Renfe - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Imaxe: Vanesa Lago Somoza

Antigamente este edificio foi un colexio-orfanato, no que rapaces de toda España ían a formarse alí para nun futuro poder traballar na Renfe. Actualmente é o Centro Nacional de Formación Marítima de Bamio.

Esta edificación da segunda metade do século XX, máis concretamente dos anos 60, érguese moi preto do mar, o cal lle outorga un gran dominio visual de toda a Ría de Arousa. É un edificio lineal, austero, con modulación ríxida de ocos e mínima concesión aos elementos formais (soportal frontal e volume curvo na fachada posterior), marcando o centro de simetría.

Aínda que nun principio o proxecto contemplaba destinar o edificio soamente á aprendizaxe para os orfos dos traballadores da Renfe xestionado polos Padres Salesianos, coa entrada en vigor do novo sistema educativo, propiciouse a implantación de estudos de Formación Profesional de Primeiro Grao que incluía un Curso de Adaptación Ferroviaria (CAF), para todos os que quixeran especializarse. 

A primeira pedra para a construción colocouse o 24 de maio de 1945, mais non sería até o 24 de outubro de 1967, xa rematado, cando chegarían os primeiros relixiosos. A inauguración oficial do colexio foi o 26 de abril de 1968. Ás 9:30 da mañá chegou á estación un tren especial desde Santiago no que viaxaban o presidente do consello de administración da Renfe,  Leopoldo Calvo Sotelo, ministro naqueles anos para a Comunidade Europea, acompañado por altas personalidades da Renfe. 

No seu interior aínda se conservan os talleres da Renfe. Tamén posúe espazos con simuladores onde o alumnado (actual) pode aprender sobre materia marítima (navegación, controis de tráfico, transporte de mercadorías perigosas...).

Debido ao feito de que foi un internado, aínda conta con case un cento de habitacións, un comedor, un salón de actos, sala de estudos, cafetería… que na actualidade son utilizadas polo alumnado de formación marítima.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola do Pedroso

Colexio da Renfe

Proxecto Louceiros de Bamio

Casa reitoral de San Xens de Bamio