Eira dos Mouros

Eira dos Mouros - Valga - San Salvador de Setecoros

Na inspección realizada para elaboración do catálogo do PXOM do Concello de Valga, non se detectou estrutura visible algunha que puidera corresponder a un asentamento castrexo. Así, na parte superior do Monte Fontebecha, que ostenta un contundente domino visual sobre o curso baixo do río Ulla, desembocadura e fondo da Ría de Arousa, apréciase unha zona chaira, aínda que sen identificarse estruturas de peche ou defensa.

O valgués Xosé Lois Miguéns Castaño publicaba en 1999 no semanario “O Espello do Baixo Ulla-Sar” que na noite de San Xoán, a partir das doce, no Monte Fontebecha había unha asemblea de meigas que se xuntaban para preparar o mal que ían facer durante o ano. Ninguén sabe con certeza, a pesares dos máis atrevidos que quixeron ir alá e que, segundo contan, foron axexar descubrindo que as bruxas cantaban o seguinte:

lunes, martes e miércoles tres

jueves, viernes e sábado seis

E seica, nun arraque de valentía, os que as miraban agochados dixeron:

- E onde queda o domingo, meighonas?

Momento no que, ao sentirse descubertas, buscaron aos indesexables espías para facerlles mal, pero estes, con pericia, lograron fuxir.

Segundo o especialista en toponimia galega, Fernando Cabeza Quiles (Os nomes da terra, topónimos galegos), Setecoros é un topónimo que se pode interpretar como unha composición do numeral "sete" e do substantivo prerromano “cor/coro" (pedra), en alusión ás sete formacións pétreas que rodean a meseta da Eira dos Mouros, situada no cumio do monte que se eleva sobre a parroquia de Setecoros.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AQ033
  • Outras denominacións: Castro do Monte Fontebecha
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Idade do Ferro
  • Concello: Valga
  • Parroquia: San Salvador de Setecoros
  • Lugar: Fontebecha
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-31: GA36056003)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

    Arqueotoponimia

    Descubrindo a historia de Catoira

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Castrove

Castelo da Medela

Castro de Balleas

Túmulo Nº 2 da Pedra do Viño