Casa dos Insua

Casa dos Insua - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: roteirocastelao.gal

Esta vistosa vivenda de doce balcóns, repartidos entre a fachada da rúa de Abaixo e a da Calella do Xudeu, pertenceu por un tempo a Manuel Rodríguez Insua, casado en segundas nupcias coa viúva de Losada, Pilar Castelao Genme. Deste modo, os fillos de Pilar, tanto Xosé Losada Castelao, do primeiro matrimonio, como Manuel Rodríguez Castelao, do segundo, pasaron a ser coñecidos en Rianxo como os irmáns Insua, cando en realidade de Insua só era fillo un, Manolo. Cabe destacar que este último era un artista, e colaborou con Castelao achegando debuxos para a súa obra “As cruces de pedra na Galiza”.

Castelao sempre mantivo unha relación moi íntima con estes curmáns e con todos os amigos rianxeiros. Sempre estivo atento aos acaecementos políticos da vila, como cando en outubro de 1934, foron detidos en Rianxo once compañeiros galeguistas, acusados de extremistas e provocadores da desorde pública. Entre eles figuran Sixto Aguirre e os irmáns Insua. A noticia chegoulle cando estaba desterrado en Badaxoz.

Ambos irmáns eran coñecidos políticos nacionalistas, polo que ao inicio da Guerra Civil abandonaron esta casa para fuxir ao monte. En 1937 tentaron marchar de Galiza desde o porto de Vigo a bordo do Bou Eva, xunto cun pequeno grupo de persoas. Por desgraza foron delatados e os falanxistas asaltaron o barco. Ambos os irmáns e os seus compañeiros decidiron suicidarse para non caer nas súas mans.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AC063
  • Outras denominacións: Casa dos Doce Balcóns
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: Século XX
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: Rúa de Abaixo/Calella do Xudeu
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (CH-1)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Roteiro Castelao

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa de Rafael Dieste

Praza de Abastos de Rianxo

Casa de Somoza

Cuartel Vello