Escola Rosalía de Castro

Escola Rosalía de Castro - Rianxo - San Salvador de Taragoña

Imaxe: Consello da Cultura Galega

Orixinariamente a Escola Rosalía de Castro era un edificio dunha soa planta, de forma rectangular, con cuberta de tella a catro augas en roda, que estaba construída sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo. A escola foi inaugurada en 1929, promovida pola Sociedad de Instrucción Hijos de Taragoña en la República Argentina.

Feito en cachotaría irregular, destaca o uso de pezas de gran calidade de cantaría, como un elemento ornamental máis, nos remarques dos vans, nos esquinais, na cornixa e no baseamento, que emprega a cantaría e na parte inferior a cachotaría irregular. Como elementos decorativos na fachada principal podemos subliñar o lintel con forma de arco de medio punto nos tres grandes vans, con molduras, e o desenvolvemento dos seus peitorís. Nesta fachada aínda se conserva o frontispicio, sobre a porta principal, de forma rectangular e flanqueado por unhas pilastras, que remata nun frontón semicircular con molduras. Neste hai unha placa de mármore na que podemos ler «ESCUELA ROSALÍA DE CASTRO. FUNDADA POR LA SOCIEDAD HIJOS DE TARAGOÑA EN BUENOS AIRES. 1929».

A escola contaba con dúas aulas, separadas por un vestíbulo. Unha das aulas tiña a entrada pola porta principal, precedida dunhas escaleiras de pedra, e á outra accedíase por unha porta na fachada posterior.

Na actualidade o edificio está moi modificado, tras unha ampliación, apenas é recoñecible a antiga escola. A planta baixa sería o antigo edificio, ao que se engadiron dous pisos; na zona posterior tamén se lle anexaron dous bloques prismáticos para ampliar espazos. Propiamente o que se conserva son a fachada principal e as laterais, pois o interior tamén está totalmente cambiado. Na planta baixa funciona a escola de educación infantil de Cruceiro e nos dous andares que se aumentaron está a sede do Centro Cultural Deportivo.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa do 'Parque de los Patricios'

Casa de Gran Mean Pinal

Casa dos Aguirre

Escola de Buía