Zona húmida da Tarroeira

Zona húmida da Tarroeira - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Veciños de Pontecesures afectados polo Polígono Industrial

Espazo natural húmido que se estende pola Tarroeira e Redondo, xusto no límite municipal con Valga, onde a presenza da auga é moi destacada. A existencia da auga ponse de manifesto nos numerosos topónimos do lugar (As Charcas, Regato da Revolta, Regato da Xesteira, Regato do Caramés, Brañas de Abaixo, Regato das Brañas ou Poza de Borjas) e tamén polo paso de regatos (regato das Cubelas) e ríos (río Soutiño).

Sobre estes terreos de moi alta aptitude agrícola e abondosas zonas húmidas, a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Pontecesures pretenden construír un polígono industrial (“ecopolígono”) que ocuparía uns 326.000 metros cadrados, dos que o 60% atópanse en Zona de Policía de Cauces.

Ao proxecto do polígono industrial opóñense os veciños, representados na Plataforma de Veciños de Pontecesures afectados polo Polígono Industrial, veciños que lamentan a falta de información e a opacidade por parte da administración local e autonómica. Na tramitación deste Proxecto de Interese Autonómico (PIA), Augas de Galicia non informou, aínda cando un terzo da zona afectada polo polígono industrial está emprazada en zona de risco de inundacións. Este proxecto localízase arredor dunha zona residencial, na que a escasos 100 metros hai un centro de saúde, un colexio, un instituto, unha escola infantil e distintas instalacións deportivas. Na propia documentación incluída no propio PIA recóllese que a construción dun polígono industrial nesta zona suporía un incremento do tráfico de 5.000 a 9.500 vehículos de tráfico pesado, o que implica practicamente duplicar o tráfico actual dunha estrada autonómica, co impacto negativo que isto representa.

Na contorna de implantación do polígono, existen 5 especies protexidas baixo normativas autonómicas e estatais, que son vulnerables de desaparición. De todas estas especies inventariadas algunhas están protexidas por normativa autonómica (Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas) ou estatal (Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas). Trátase das especies citadas a continuación.

- Un tipo de ave, a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), especie protexida por estar en perigo de extinción segundo Normativa Autonómica (Decreto 88/2007) e Estatal (R.D. 139/2011).

- Tres tipos de anfibios: a píntega Rabilarga (Chioglossa lusitánica), especie protexida por ser vulnerable de desaparición segundo Normativa Autonómica (Decreto 88/2007) e Estatal (R.D. 139/2011); a ra de San Antón (Hyla arborea), especie protexida por ser vulnerable de desaparición segundo Normativa Autonómica (Decreto 88/2007) e a ra patilarga (Rana iberica), especie protexida por ser vulnerable de desaparición segundo Normativa Autonómica (Decreto 88/2007).

- Un peixe continental, o sábalo (Alosa alosa), especie protexida por ser vulnerable de desaparición segundo Normativa Autonómica (Decreto 88/2007). 

O ámbito inclúese dentro do Plan de Recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), a cal está en perigo de extinción segundo o Anexo I do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. 

Toda a zona atópase dentro do Plan de Xestión do Lobo, como zona 2, de acordo ao Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de Xestión do Lobo en Galicia.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Zona húmida da Tarroeira