Hórreo de Castro

Hórreo de Castro - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Beatriz Pereiras

No lugar coñecido como a Eira de Abaixo, no ángulo SE do núcleo. Ao pé da estrada.

Fermoso exemplar de hórreo mixto que presenta a particularidade de ter dous arcos de medio punto na repisa. A cimentación é unha repisa de gran altura de perpiaño na parte superior e de cachotes de granito no resto, para salvar o importante desnivel existente. Ten a particularidade de presentar dous vans rematados en arco de medio punto, espazo no que, parece, durmían os cans para impedir que os ladróns roubasen o millo. Non ten soportes, asentando o tornarratos directamente sobre a repisa. O tornarratos é corrido ao longo do corpo de todo o hórreo. Ten cinco claros, con balaústres de madeira e unha e dúas cintas, coas portas de madeira no lado interior do hórreo, o que da a finca (lateral oeste). Non ten linteis. As columnas son de pedra e a cornixa de madeira. Os dous penais son de perpiaños de granito, cubertos de vexetación. Ten sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de uralita e de tella do país, en moi mal estado. Parece que non conserva os remates, aínda que non se ve pola vexetación. Orientado ao NW-SE.

Segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, parece tratarse do hórreo máis antigo de Castro, situándose en anos inmediatamente anteriores a 1860 (en función dos datos históricos dos outros hórreos). É un exemplo único das súas características nesta aldea e, probablemente, de toda a parroquia. Sinalar que nesta Eira de Abaixo, que era privada, había un terceiro hórreo, coñecido como o Hórreo da Ardeira, de madeira, con pés de pedra e tornarratos circulares, do que hoxe tan só quedan unhas pedras dispersas. Parece que o famoso bandoleiro do Araño Xan Quinto atacou este hórreo varias veces. Diante del facíanse as festas de San Roque.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO048
  • Outras denominacións: Hórreo Nº 1 da Eira de Abaixo
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: Século XIX
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Castro
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Mala, coa madeira en moi mal estado e a cubrición en estado ruinoso. No extremo Sur hai un claro totalmente arruinado. Cuberto en parte pola vexetación.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 216)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Sar

Hórreo de Rial da Lagoa

Hórreo de Teaio

Hórreo de Dodriño