Palacio de Lestrobe

Palacio de Lestrobe - Dodro - Santa María de Dodro - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Elixio Vieites

O Pazo de Lestrobe, O Palacio, foi a residencia de recreo dos prelados composteláns. A idea foi do arcebispo Bartolomé Raxoi e Losada que era home de grandes empresas. Ordenou levantar o Seminario de Confesores que leva o seu nome na Praza do Obradoiro, e pouco antes de morrer tiña en mentes facer un gran canal desde Padrón para levar o mar a Compostela.

Despois da revolta irmandiña, o Castelo da Rocha Branca en Iria era unha ruína. Raxoi, por permuta de bens e de rendas patrimoniais, entre os anos 1751 e 1772, decidiu adquirir para a mitra en Lestrobe a casa, a capela e os terreos dos Quiroga, unha familia de Lugo, pechando todo o recinto con murallas. Outro arcebispo, Felipe Fernández Vallejo remodelou o edificio por completo, fixo unha nova capela comunicada interiormente co pazo e levantou unha fonte diante, quedando obrigado a darlle servizo diario aos veciños. No patio celebrouse cada ano a festa dos Aflixidos, arredor do chafarices da fonte coroada por un Santiago peregrino. Os oito tornos cumprían a función de repartir o caudal. Ao pé dela Álvaro Cunqueiro soñou efémeros encaixes de auga sobre as pedras verdedouradas.

Cara o suroeste, sobre sete arcos de pedra interiores, levántase unha balconada desde a que hai unha vista incomparable das brañas e veigas de Lestrobe. No alto da fachada do edificio represéntase o escudo de armas do prelado Vallejo que lle encargou as obras ao arquitecto Pérez Monroy. Este trazou tamén a escaleira principal e os retablos da capela. O seguinte período construtivo produciríase no episcopado de Rafael Vélez que mandou abrir unha porta exterior para a capela. Desta época data a imaxe da Virxe das Dores, obra de Manuel de Prado, de formas clásicas e harmónico contraposto, que se converteu en modelo iconográfico do neoclásico galego. No Pazo de Lestrobe pasaron longas tempadas os arcebispos, descansando ou despachando os asuntos eclesiásticos. Aquí morreron dous, Alejandro Bocanegra que viñera para se repor dunha enfermidade en 1782, e o ultraconservador Frei Rafael Vélez, xa mencionado, que escribiu en 1850 o famoso Preservativo contra la irreligión...

Nun artigo de 1913 (La Ilustración artística) lembra a Condesa de Pardo Bazán a vasta cheminea do palacio, símbolo do poder e da opulencia da mitra compostelá, a gran mesa de pedra das merendas e nunha ringleira de asentos, súas latas, imaxina os persoeiros da arcebispal corte agardando departir co prelado, cos ollos entornados, a voltear nerviosos os polgares, mentres a súa ilustrísima, no en tanto, vai ensopando o biscoito esponxado, bañado en branco azucre, nunha xícara sostida por unha mancerina de prata repuxada.

No ano 1855, coa desamortización, o madrileño Bernardo Arbizu mercou o pazo. Xa no século XX estaba en mans de Manuel Lorenzo del Río, veciño de Padrón, que en 1916 llo volve a deixar en testamento á mitra compostelá baixo unha serie de condicións que desde logo non deberon cumprirse, como que se lle rezara unha misa diaria na Igrexa de Santiago de Padrón ou que en cada aniversario, a perpetuidade, se repartiran duascentas cincuenta pesetas entre os pobres. Agora, restaurado polo arquitecto Fernández Albalat, está convertido en hotel, mais xa antes Rosalía o deixara preservado na campá de cristal dos seus versos: “I o Palacio, serio e grave, ¡canto en pura luz se baña! Tal parés pesada nave que volver ó mar non sabe se encallou na fresca braña”.

Texto extraído do libro “Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga”, de Manuel Lorenzo Baleirón.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AC010
  • Outras denominacións: O Palacio ou Pazo do Anxo da Garda
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: Século XVI
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: Santa María de Dodro
  • Lugar: Lestrobe
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (AC-08)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro, aprobado o 27 de decembro de 2010

    Patrimonio Galego

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa do Brañeiro

Vivenda circular Nº 2 de Castro

Casa de Eusebio Lorenzo Baleirón

Escola da Emigración de Tallós