Casa de Aguirre

Casa de Aguirre - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Sendeiros de Dodro | Concello de Dodro

A Casa de Aguirre, de ascendencia vasca, foi unha das máis poderosas e ricas da comarca. Eran donos de boa parte das terras agrícolas e tiñan foros. Enriba da porta pódense observar dúas troneiras de defensa.

Trátase dunha construción de planta rectangular, con estrutura de baixo e un andar, a partir de muros de cachotaría irregular, salvo os marcos das portas e xanelas que son de cadeirado. A carpintaría é de madeira, e a cuberta a dúas augas con rematado de tella camba sobre armazón de madeira.

Sixto Aguirre, nado en Rianxo o 1 de setembro de 1901, foi médico e político galego. A súa casa familiar era unha mansión grande e suntuosa, mais sen excesivos fastos, construída a fins do século XVIII polos seus devanceiros. Era fillo do avogado Alejandro Nicolás Aguirre del Río e María Dolores Garín, e sobriño do poeta Luís Aguirre del Río.

Viviu en Santiago de Compostela e estaba vinculado á Izquierda Republicana. En agosto do ano 1936 fórono buscar á Casa de Aguirre, para levalo ao cárcere compostelán da Falcona, no Pazo de Raxoi. Aquí compartiu prisión con Camilo Díaz Baliño, quen ilustruou un álbum no que debuxou aos seus vinte e seis compañeiros, entre eles a Sixto Aguirre. Despois de estar unhas horas no cárcere de Arzúa, o 14 de agosto de 1936 foi fusilado por tres falanxistas, xunto con Camilo Díaz Baliño, en Palas de Rei. Os dous cadávares apareceron á beira da estrada, nas proximidades do lugar de Saa, na parroquia de Meixide. Camilo Díaz Baliño,

Avelino Abuín de Tembra, veciño tamén de Imo, publicaba o artigo "¡Gloriia a Sixto Aguirre!", publicado o 11 de agosto de 2018 no xornal Galicia Hoxe, no que o describía do seguinte xeito:

Asistirei sen ira nin rancor á exhumación das cinzas de Sixto Aguirre Garín, en San Pedro de Meixide, o próximo día 14 de agosto. Este home ilustre, paseado nos primeiros días da guerra civil, con Díaz Baliño, era un compatriota e coterráneo do cronista. Segundo os informes vivos conseguidos de xentes que o coñeceron e trataron, era a antítese do heroe franquista. Era, en cambio, o prototipo de home lúdico, festivo, alegre e campechano. Na aldea común de Imo, San Xoán de Laíño, concello de Dodro, a súa casa familiar está a cen metros da miña. A súa casa era unha mansión grande, suntuosa, de vella estirpe, pero sen luxos. Construída a fins do século XVIII polos seus antergos. Cinguida por unha horta de dez hectáreas, eira de mallar, dous hórreos de catro claros cada un e circunvalada por un muro de mampostería de medio quilómetro. Por diante da soarenga morada pasaba -e aínda pasa- o vello camiño real.

Sixto procedía, por parte paterna, de familia navarra. Estiveron metidos en política e foron partidarios da raíña Isabel II durante as guerras carlistas. Eran conservadores e católicos. A súa lealdade e a participación nas guerras de África leváronos a ocupar cargos de responsablidade nas comarcas de Padrón e Rianxo. A matriarca da familia era María de la Soledad del Río Manselle, nacida en Imo. Un tío de Sixto, Luís Aguirre del Río, nacido en Lestrove en 1839, acaba mesmo de descubrirse como un gran poeta en castelán (a obra poética completa de Luís Aguirre acaba de ser publicada hai só dous anos en TresCTres, por Avelino Abuín e Justo Cortizo). Os Aguirre estaban emparentados coa familia de Rosalía. Eran donos de posesións cuantiosas. Nestas terras de Laíño e Rianxo tiñan en renda numerosas posesións. Segundo os paisanos veciños, non sempre conseguidas por medios lícitos, nos anos de fame daban de comer a cambio de leiras.

Sixto Aguirre Garín naceu en Rianxo. Seus pais eran Alejandro Nicolás Aguirre del Río -avogado, notario eclesiástico e xuíz de 1ª instancia da Cañiza, onde finou en 1912- e María Dolores Garín. Os Aguirre Garín foron cinco irmáns: Justo, José, Ramón, Sixto e Felisa. Justo foi médico en Rianxo ata hai pouco tempo. Pepe foi noivo da señorita Consuelo de Rial. Ramón, "ao que se lle daban moi ben as mulleres e "falaba" secretamente con Flora do Malvino", Sixto e Felisa, a máis nova e única muller, que acabaría casando co mestre Antonio Ayaso. Unha filla de Justo Aguirre casou cun enxeñeiro valenciano e a súa prole é a propietaria de toda a herdanza ata este momento. Uns e outros foron desaparecendo sen deixar rastro. A extinción dos Aguirre Garín é un misterio que sobrecolle a alma a moito labrego desta zona.

¿Como era Sixto Aguirre Garín? Era un home de mediana estatura, algo chepudo, pero non baixo nin pequeno. Moi elegante e distinguido. Alegre e vivaz. Expresivo, enxeñoso, intelixente. Gordecho. Engaiolaba as mozas coa conversa. Cando acudía ás festas e ás vodas, vestía invariablemente pantalón branco e chaqueta azul ou gris, cruzada. Cantaba moi ben. Está viva a memoria de Sixto Aguirre nesta súa terra de Laíño.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa de Camoiras

Escola de Chenlo

Escola de Lestrobe

Escola de Traxeito