Petróglifo de Bouza Badín

Petróglifo de Bouza Badín - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Colectivo A Rula

Nun rechán dunha bouza da aba do Monte Carboeiro, a uns 200 metros do lugar de Imo, parroquia de San Xoán de Laíño, atópase a estación do Grupo Galaico da Arte Rupestre máis relevante do Baixo Ulla.

Esta grande peneda granítica que sobresae na paisaxe localízase nun monte veciñal en man común, propiedade da Comunidade de Montes da Cruz do Avelán. Configúrase como un miradoiro natural único da bacía do río Ulla e das Brañas de Laíño.

Trátase dun afloramento granítico de máis de 50 metros de diámetro conformada por múltiples chanzos de superficies planas e por paredes case verticais nas que se acubillan un total de 14 paneis insculturados con gravados de tipoloxía xeométrica e naturalista.

A peneda de Bouza Badín posúe un amplísimo repertorio de gravados, tanto de tipoloxía xeométrica (combinacións de aneis, coviñas, cazoletas, círculos, sucos lineais...) como naturalista (cabalos, cervos e outros cuadrúpedes...). A grande maioría dos motivos insculturados pódense adscribir grosso modo á Idade do Bronce.

As crenzas tradicionais sinalan que os gravados eran obra dos “mouros”, mais tamén hai outras que os relacionan coas lendas xacobeas de fonda pegada na comarca. Neste senso, cómpre sinalar os datos recompilados no proxecto de investigación e inventario do patrimonio etnográfico da parroquia de San Xoán de Laíño realizado entre os anos 1992 e 1993 por un amplo equipo técnico da asociación veciñal baixo a coordinación dos arqueólogos Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo. Na ficha do petróglifo de Bouza Badín recollen: “… resulta curioso todo o cúmulo de lendas xacobeas que nacen en contacto cos outeiros de Bouzabadín. Unhas falan de que aquí predicaron Santiago e unha caterva de mouros. As pías representan lugares onde o apóstolo desenvolvía as súas necesidades de comer, durmir e defecar. Hai unha lareira, pías da auga, tixolas, a corte do cabalo…”.

Outra lenda conta: “Un día, Santiago, véndose perseguido, montou no seu cabalo deu un brinco por riba do Ulla e foi dar as laxes de Cordeiro. Os pezuños do cabalo quedaron gravados para sempre na rocha de Bouza Badín”.

Preto do petróglifo existen tamén: “dous asentos de pedra no que estiveron descansando o apóstolo e unha muller”.

Outras crenzas tradicionais fálannos dos gravados como “portas ó averno”. A veciñanza tamén deu testemuño do emprego da rocha como canteira tradicional, feito que aínda evidencian os furados dos “grillos” feitos para cravar as cuñas de madeira, así como os cortes e grandes fendas en moitas laxes produto desta intensa actividade extractora dos canteiros noutrora.

En relación ao topónimo, este figura referido nos informes e fichas de diversas formas: Bouza Badín / Bouzabadín / Bouza Abadín. Segundo os lingüistas fai relación a un terreo de monte non vexado (non traballado) situado nun predio dependente dun mosteiro (abadía), probablemente de San Martiño Pinario. Na contorna do petróglifo localízase tamén o topónimo de Agro do Crego que poida que teña relación coas antigas propiedades ou xurisdición deste cenobio.

En 2021 o Concello de Dodro e a Deputación da Coruña acometeron a sinalización, limpeza e posta en valor deste xacemento, coa colaboración da CMVMC da Cruz do Avelán.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Petróglifo da Carga

Xacemento da Veiga de Abaixo

Castelo do Pico do Porto

Petróglifo Nº 1 das Pozas