Castro de Bexo

Castro de Bexo - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Sendeiros de Dodro | Concello de Dodro

Castro de forma alongada con dúas coroas ao oeste, e outra ao leste, delimitadas por sendas murallas e terrazas intermedias. Intensificáronse tres murallas defensivas e as bases do asentamento.

Trátase dun poboado castrexo da Idade do Ferro e de época romana, sito xunto ao Monte Carboeiro, na aldea de Bexo, a unha altitude máxima de 272 metros. É un dos poboados máis grandes da zona, ocupando máis de 7.000 m2, enlazando con dous outeiros graníticos, localizados no noroeste e sueste. O do noroeste é de maior tamaño, con forma case circular e uns 25 metros de diámetro. A elevación sueste constitúe un promontorio de non máis de 20 metros, abrupto e cuberto por derrube. A aparencia dos seus bloques, maiores que os do resto do poboado, e a escasa sedimentación sobre eles, fai pensar no seu uso como atalaia medieval. Este promontorio domina o Baixo Ulla, sendo visibles a Torres de Oeste. No interior do poboado obsérvanse murallas e terrazas desfiguradas polo paso do tempo. 

Case non quedan á vista restos pétreos polo espolio de pedra que se fixo nel para construír casas en Bexo, Teaio, Burés e Vacariza; quedando, aínda hoxe en día, restos no castro do traballo das pedras polos canteiros.

Moitas lendas falan do lugar. Unha relata o saqueo protagonizada polo mouro Almanzor, e outra indica a existencia dun pasadizo entre o castro e as Torres de Oeste, cunha cadea de ouro ao longo, para impedirlle o paso ás hostes sarracenas.

En ficha feita fai 25 anos pola Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño no seu Inventario Etnográfico, fálase do Pozo do Ouro ou do Tesouro no Castro de Bexo: "...é unha cavidade redonda duns tres metros de diámetro cunhas pedras en forma de valo, unhas enriba das outras... Neste caso trátase de un pozo que o ir sacando ouro e pronunciar a palabra Xesús! desaparecía o encanto. Tamén din os veciños que alí había unha moza rubia que estaba peiteando seguido os seus longos cabelos de ouro". 

Sobre a Eira dos Mouros, conta a lenda que aquí non nacían nin toxos nin xestas debido ao sangue derramado polos mouros no combate co Apóstolo Santiago, do que se gardan as pegadas do seu cabalo nas pedras do lugar. Trátase dunha pequena croa circular duns 1000 metros cadrados que puido ser unha acrópole na Idade do Ferro, e logo na Idade Media.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AQ013
  • Outras denominacións: As Murallas ou Eira dos Mouros
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Idade do Ferro
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Monte Carboeiro
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    O 4 de xullo do 2017 o Concello de Dodro abriulle un expediente de reposición da legalidade urbanística á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Cruz do Avelán que, en colaboración coa Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño e a Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro, puxeron en valor o Castro de Bexo, limpando a súa croa de todos os eucaliptos, especies invasoras e toxo que o cubría.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (GA15033013)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Sendeiros de Dodro

    Capítulo Cero

    Patrimonio Galego

    Historia de Galicia

    Historia de Galicia

    Cuadernos de Estudios Gallegos

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa Nº 1 de Paradegua

Castro de Bexo

Petróglifo da Carga

Petróglifo do Outeiro dos Corvos