Sepultura de Dominica Borja Ferraguela

Sepultura de Dominica Borja Ferraguela - Catoira - San Miguel de Catoira

Imaxe: Cristina Conde Escaloni

A sepultura de Dominica Borja Ferraguela é a única que existe na actualidade no adro da Igrexa de San Miguel de Catoira, unha moza xitana sobre a que Cristina Conde Escaloni conta a súa hisotira no seu blogue Descubrindo a historia de Catoira.

A familia estaba moi asentada no pobo e mantiña moi boa relación coa xente de Catoira. Era unha familia itinerante, que vivían en carros tirados por animais e adoitaban asentarse durante uns días pola traseira do actual Mesón A Rúa. Dominica namorouse dun “payo” e quería casar con el, mais o pai dela non consentiu a unión. Ela tentou convencer ao pai de todos os xeitos posibles, mais non o conseguiu. Na súa desesperación, decidiu suicidarse, consumando o mesmo dun xeito terrible. Foi á Taberna da Roxa a mercar unhas caixas de mistos e achegouse ás Torres de Oeste. Alí inseriu as cabezas dos mistos mesturadas con pan. Como consecuencia disto, Dominica perdeu a vida. Algunhas testemuñas contan que foi na Fonte da Codeseira.

Apareceu morta e puxeron o seu cadáver no curral da señora Ramona de Claudio, entre unhas pallas nas que estivo exposta á vista da xente que pasou a comprobar o suceso. A nova consternou a todas as capas sociais da contorna de Catoira e as mozas e mozos de todo o concello velaron e choraron a aquela doce criatura, que por amor entregou a súa propia vida.

A familia de Dominica fixo todo o posible para que a igrexa lle permitise dar sepultura a aquela mociña no cemiterio da Igrexa de San Miguel de Catoira. Non lle resultou doado, pois a igrexa sempre negou un enterro digno ás persoas que se quitaban a vida. Finalmente consentiu que a enterrasen no cemiterio que daquela rodeaba ao templo parroquial, mais na parte de atrás do mesmo como castigo polo seu, segundo eles, indigno acto. Alí está hoxe unha lápida limpa e moi coidada, sempre con rosas e soa sen ningunha compaña, pois o resto de defuntos foron trasladados ao novo cemiterio de Barral. Na lápida pode lerse:

DOMINICA BORJA

FERRAGUELA

FALLECIO

EL 27 DE JULIO

DE 1945

A LOS 19 AÑOS DE EDAD

D.E.P.

ES PROPIEDAD

PERPETUA

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pontella de Barral

Pontella de Portocanles

Pombal de Tras da Veiga

Pombal de Cedonosa