Finca da Capela

Finca da Capela - Catoira - San Pedro de Dimo

Imaxe: Cristina Conde Escaloni

A Finca da Capela, localízase nun par de chousas (atópanse pechadas perimetralmente por un muro de cachotaría) destinadas a viña organizadas en socalcos, e situadas dentro do núcleo tradicional de San Salvador. Este xacemento estaría integrado nun espazo sagrado no que tamén habería un edificio relixioso (de aí o topónimo), que podería terse erguido no lugar que hoxe ocupa a Casa de Souto, unha vivenda de grandes dimensións levantada no outeiro deste núcleo tradicional.

A necrópole correspondería a un lugar de culto e enterramento dunha comunidade cristiá altomedieval local. A súa actividade iniciaríase no século VI (época sueva), chegando até os inicios do século VIII (Reino de Galicia). Os leitos sepulcrais desta necrópole sueva de Catoira non teñen decoración, agás unha delas, que presenta na cabeceira unha gran luz latina esculpida en altorrelevo, con ensanchamento cara os extremos dos brazos. No punto de intersección da cruz destaca a presenza dun oco con alvéolo, preparado para recibir algún tipo de peza decorativa, quizais de pasta vítrea ou algún outro material brillante.

O achado dos restos dunha tampa de dobre estola dun sartego suevo (depositada no Museo de Pontevedra), como consecuencia do derrubamento dunha vivenda próxima á finca de “A Capela”, cunha cronoloxía máis avanzada (séculos X-XI), é indicativo da continuidade de hábitat e lugar de culto e enterramento en datas avanzadas do medievo.

Neste xacemento tamén se atopou unha lauda antropomorfa, localizada en 1966 segundo Francisco Singul (1999), e atribuída a unha sepultura infantil na que se labra, de forma moi esquemática, unha figura masculina.

A poucos metros ao norte deste xacemento, existe unha columna da antiga capela, cuxos restos foron aproveitados para a construción da Igrexa de San Pedro de Dimo. Está formada por zócalo, fuste e ábaco cunha peza enrriba. A peza redonda créese que era un antigo reloxo de sol que estaba no portal dunha vivenda cercana.

A aparición, na mesma finca, dunha ara romana dedicada a Bandua, indica que o lugar xa fora sacralizado en época antiga, e na súa contorna habería un hábitat romano (séculos I-IV), cristianizado en época sueva (séculos V-VI), con continuidade na Alta Idade Media. Na actualidade atópase no CACTO (Centro de Activación Cultural Torres de Oeste). O texto que segue a continuación é autoría de Francisco Singul no ano 1999, no que se describe a ara:

Ten unhas dimensións de 70 x 39 x 32 cm e foi posta do revés e reutilizada como (...) base dunha columna na propiedade privada denominada Curula, no lugar de Aragunde (...). A peza parece que foi atopada, non obstante, na leira A Capela e consérvase en bo estado, anque foi seccionada a súa parte superior, coa consecuente perda da cornixa, e aparece moi erosionada na súa base. Pero a inscrición, realizada con letras de 5-6 cm, aparece clara e lese con precisión:

DEO BAN(duae)

TI(berius). CLA(udius). CI(-c2-)

VO--. DE(os)

AUTO. V(otum)

S(olvit). I(ibens). M(erito)

A dedicación a Bandua, divindade indíxena, indica que o doador era un nativo romanizado, devoto dese deus tutelar local, intimamente ligado á súa poboación ou tribo. A clara referencia ao emperador Tiberio (14-37 d.C.) no epígrafe, sitúa a execución da ara dentro do primeiro terzo do s. I da nosa Era.

O traballo de recuperación da toponimia editado polo Concello de Catoira sitúa ao norte desta finca o microtopónimo O Mosteiro. Casal de Mogos (do latín “Monacos”), isto é, monxes ou membros dunha comunidade relixiosa, é un núcleo tradicional localizado 250 metros ao oeste de San Salvador, que quizais tivese relación co templo e necrópole medievais de San Salvador.

  • INFORMACIÓN
  • Código: CA-AQ010
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Século VI
  • Concello: Catoira
  • Parroquia: San Pedro de Dimo
  • Lugar: San Salvador
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira (X_008-GA36010008) - Aprobación inicial de 2012

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira (X_025-GA36010ACH-1) - Aprobación inicial de 2012

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira

    Navaza, G. Toponimia de Catoira. Concello de Catoira. (2007)

    Megaliticia

    Cristina Conde Escaloni

    Megaliticia

    La Voz de Galicia

    La Voz de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa de Fontesanta

Camiño Real de Catoira

Petróglifo Nº 1 das Lagoas

Torre de Barral