Castro de Cerneira

Castro de Cerneira - Valga - San Salvador de Setecoros

Xacemento castrexo, composto por un recinto central, de forma aproximadamente circular, rodeado por un parapeto ou muralla e foxo exterior. O recinto central conta cunhas dimensións duns 60-65 metros de ancho, en sentido leste-oeste, por unhas medidas semellantes no eixo norte-sur, aínda que na actualidade o límite norte aparece alterado. O parapeto ou muralla térrea que circunda este recinto central consérvase en todo o perímetro, agás no límite setentrional, onde desapareceu debido ás actividades agrícolas. As dimensións deste elemento son considerables: entre 6 e 9 metros de anchura, por uns 3,5-4 metros de altura. Un foxo que segue a mesma liña que o parapeto completa o sistema defensivo, conservándose en toda a metade meridional do xacemento, mentres que na zona noroeste aparece cortado por unha estrada, e na zona norte foi obxecto da mesma destrución causada polas actuacións agrícolas. Na actualidade as dimensións aproximadas deste foxo son duns 10 metros de ancho, por unha profundidade de escasamente 1 metro, xa que probablemente se atope parcialmente colmatado.

Na zona norte do xacemento, onde o peche do recinto central e sistema defensivo foron destruídos para acondicionar o espazo como fincas de cultivo, localizáronse fragmentos cerámicos, datable de modo xenérico ao séculos I-II d.C. e entre os que pode salientarse un pivote de ánfora.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AQ012
  • Outras denominacións: O Castro
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Idade do Ferro
  • Concello: Valga
  • Parroquia: San Salvador de Setecoros
  • Lugar: Cerneira
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    O acondicionamento da zona norte como unha pequena terraza de cultivos, coa explanación conseguinte, supuxo a destrución do extremo setentrional do recinto central, parapeto e foxo. Os desmontes practicados para a construción de vivendas nesta zona norte, impiden coñecer se o xacemento contaba con terrazas asociadas. A pista actual que dende o núcleo de Cerneira ascende cara as últimas vivendas do pobo, cortou a liña de foxo pola zona oeste-noroeste.

  • Protección:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-12: GA36056008)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Petróglifo do Alto da Porteliña

Castrove

Xacemento romano do Gandarón

Necrópole dos Martores