Escola da Emigración de Rañó

Escola da Emigración de Rañó - Rianxo - Santa María de Leiro

Imaxe: Consello da Cultura Galega

Antiga casa-escola construída no ano 1903 e situada ao norte do núcleo, xunto á pista deportiva. Actualmente alberga a Sociedade Cultural Manuel Vicente Vidal.

Manuel Vicente Vidal, natural da parroquia de Santa María de Leiro, emigrou a México, onde fixo unha pequena fortuna. Sen esquecerse das necesidades da súa terra natal, mandou construír unha casa-escola para que alí recibisen ensino primario as nenas e nenos da súa parroquia.

Edificio dunha soa planta, de forma rectangular, construído sobre un baseamento de diferente altura para salvar o desnivel do terreo e que na zona posterior xera un soto que nun principio non tiña funcionalidade. Posteriormente tivo varios engadidos, tanto na fachada lateral dereita como na zona posterior, destinados a albergar uns vestiarios e un obradoiro. Estes anexos xeraron unha pequena terraza e unhas escaleiras de acceso, reconvertidas en bancadas da pista deportiva que existe nesta zona.

Está feito en cachotaría irregular e ten cuberta de tella a dúas augas. Ten escasos elementos decorativos, centrados no uso da cantaría nos remarques dos vans, nunha banda horizontal baixo a cornixa, no baseamento e nas bandas verticais dos esquinais. Os marcos dos vans presentan un lintel con forma de arco de medio punto rebaixado e os peitorís moi desenvolvidos. Destaca tamén a simetría na colocación dos vans.

Na fachada principal hai tres portas de acceso: a do extremo dereito do edificio era a entrada da única aula escolar, enriba da cal hai unha placa en que se pode ler “CASA ESCUELA PARA NIÑOS Y NIÑAS DE LA PARROQUIA DE SANTA MARÍA DE LEIRO, PROPIEDAD DE D. MANUEL V. VIDAL Y FAMILIA 1903”, a porta do medio estaba a vivenda do/a mestre/a e tamén se conserva unha placa enriba da porta que informa desta circunstancia: “CASA HABITACIÓN PARA EL MAESTRO DE ESTA ESCUELA”. A porta da esquerda era a corte dos cabalos.

A parte traseira da escola, onde hoxe está as pistas deportivas,  era un horta con froiteiras e algúns piñeiros ao sur e tiña un xardín á dereita do portal de entrada. Estaba totalmente pechada cun muro que terminaba cunhas pranchas de pedra en V, ao revés.

A escola funcionou como tal moitos anos, aínda que, segundo fontes consultadas, era unha escola só de nenos e non mixta como indica a placa da fachada. Nos anos 70 funcionou como teleclube. Foi restaurada pola mocidade da parroquia, con doazóns de almacéns da construción e de xente que non quería ver como a antiga escola se arruinaba. Os herdeiros, netas de Manuel Vicente Vidal, viñeron a ver o que se fixera e doaron a escola á parroquia. Despois dun anos, cedeuse ao Concello e foi cando se fixo as pistas deportivas, destruíndo a horta por completo. Actualmente é sede da asociación de veciños que leva o nome do promotor da escola.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola da Vacariza

Casa reitoral de Santa María de Isorna

Casas da Mámoa

Casa dos Xens