Cine Avenida

Cine Avenida - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: @NavLgg

Localizado na rúa Rinlo, o Cine Avenida foi inaugurado en 1945 e pechou en 1998, sendo no seu día o de maior capacidade da comarca, cun aforo para 550 persoas.

O texto que segue a continuación é autoría de Xosé Camoxo.

Nos inicios da posguerra, comezaba no municipio rianxeiro a tomarse en serio o negocio das salas cinematográficas. Os empresarios, que debían convencer ao gobernador para evitar impedimentos á hora da autorización oficial, atoparon unha boa maneira de convencelo, aludindo, nos seus escritos, ás súas pretensións de educar á xuventude e arredala das tabernas. Nese tempo abre o cine de Taragoña; Cándido C. González solicita permiso para reformar e habilitar o cine Rianxo (sendo autorizado en marzo de 1944); comeza a edificarse o cine Avenida "la sala elegante" (que é permitido en novembro de 1944); Asados deberá esperar ao ano 1948 para inaugurar o seu cine El Centro.

Se os promotores non contasen co permiso de apertura, e os cines comezaran a funcionar anticipadamente, sabían que, de producirse algún tipo de denuncia, corrían o risco de ser clausurados (como aconteceu co cine Rianxo, multado fortemente o propietario e pechado provisionalmente aos poucos meses de abrir).

Para os rianxeiros, o cine ía ser o principal entretemento de fin de semana. Nos mellores sitios da vila podían verse os carteis anunciadores das películas, principalmente na rúa de Abaixo, Campo, nos exteriores da casa de Cándido, e mesmo nos locais. Esplendorosas serán aquelas estreas, en sesión continua, de películas relevantes durante as festas de Guadalupe: "Duelo al sol” (1946),"Atila Rey de los Hunos'' (1954), "El secreto de los Incas" (1954), "Sinuhé el egipcio" (1954), Los Diez Mandamientos'' (1956), "Ben Hur" (1959) “La muerte tenía un precio" (1965)... e ás que a veciñanza acudía en masa. Resultaba raro non atoparse os domingos con longas filas á hora de adquirir as entradas.

O 17 de novembro de 1944, o Sindicato Provincial do Espectáculo outórgalle permiso a Eduardo González Tarrío para construír un cinematógrafo que nese intre sitúan, por erro, no lugar do Pazo, mais que corresponde a Rinlo (ou Barrio do Bispo Araúxo Silva), na mesma entrada da vila.

Do proxecto orixinal entresacamos que "en el anfiteatro se ha situado un sector de 20 localidades a la derecha, en cinco filas, y otro de 70 a la izquierda, en 10 filas". Na sala "se sitúan 16 filas de butacas, con catorce asientos cada una".

Posiblemente a data da inauguración tivo lugar en 1946. A casualidade fixo posible que coñecéramos un apunte de interese: en novembro de 1947, proxectábase a película "La Virgen Morena”, un drama relixioso de 98 minutos que contaba a historia da Virxe mexicana de Nosa Señora de Guadalupe, do director Gabriel Soria.

Meses despois, en abril de 1948, durante as festas de San Xosé, en Rlanxiño, proxéctase a película americana "Fruto dorado" (1940), protagonizada entre outros por Clark Gable e Spencer Tracy, en funcións de cinco e media, oito e dez e media da noite.

A finais dese mesmo ano, de 1948, a propiedade do cine pasa a José Luís Fernández e Justo Abeijón, "notándose desde que se hizo cargo la nueva Empresa, mayor afluencia de público, debido a la proyección de un escogido programa de películas y a la buena sonoridad de la sala recién reformada”. En 1951 aparece un só propietario, Justo Abeijón Vilanova.

En xullo de 1953, a actriz Ana Mariscal visita Rianxo e acode ao cine Avenida, para presentar a película "Segundo López", da que era directora e intérprete. Embarcara en Carril, cando ían comezar unhas regatas de lanchas, e puido ver que a "Norte" de Rianxo, estaba entre as participantes, dándolle a impresión de que ía ganar, ''y su hubiese en aquel momento quien apostara conmigo, jugaría todo mi dinero... Ahora sería millonaria, ya que "Norte" ganó".

"Su simpatía y su fácil dicción, unida a un sin par conocimiento de la psicología de las multitudes prendió hondamente en el corazón de los espectadores que abarrotaban el amplio local, teniendo el acierto de regalarnos con una felicísima e impecable recitación de unos versos de Peribáñez o El Comendador de Ocaña, del gran Lope de Vega. El público, entusiasmado, la ovacionó calurosamente".

A dicir de Borobó, Ana Mariscal "vestía una falda larga y oscura, tapándose los hombros con un mantoncito rojo; calzaba las citadas y lindas alpargatas. Tomó un refresco en un hostal,y se cambió defalda poniéndose otra más corta".

"Después, la estrella y su séquito marcharon a la Ribera y siguieron por el largo muelle en cuya punta, junto al faro, les esperaba la motora.

Se cruzaron con los remeros de la "Norte" que mostraban orgullosos la copa ganada, la copa que pudo contener la fortuna de la actriz. Las viejas, remendando redes, observaban su paso,y rexoubaban:

- Traballou no cine. Poñían unha película dela. Antes falaba.

- ¡Xa costaría!

- O cine sí, pero ela falou de balde..."

Nos anos 60, o cine Avenida é rexentado por Calixto Arosa Varela.

En maio de 1960, declárase un incendio no edificio durante a sesión da noite (sábado, 9): "Parece que el fuego se debió a una colilla arrojada en los inodoros y que prendió en la parte trasera del escenario. El público mostró gran serenidad y sólo un expectador sufrió contusiones leves. Los daños materiales se valoran en unas quince mil pesetas''.

Os anos 60 e comezo dos 70 son os de maior auxe deste cine. Con todo, en 1975 o edificio chegou a ser o branco da barbarie xuvenil: en ocasións desaparecían os carteis anunciadores e incluso insultaban aos empregados . Eran bastantes as falcatruadas que se estaban a realizar contra o único cine da vila. O correspondente de El Correo Gallego, opinaba que, de continuar así, ao empresario seríalle moi difícil mantelo en pé “y debemos procurar no quedarnos sin

nuestra única y necesaria sala de espectáculos". Non obstante, seguirán proxectando películas interesantes, especialmente durante as festas de Guadalupe; por exemplo, en 1977: "Alguien voló sobre el nido del cuco", "El corsario escarlata", "La violación", "El retorno del dragón"...

De novo, en abril de 1980, outro incendio destrúe o edificio, que viña funcionando os mércores, sábados e domingos, con grande afluencia de público. As perdas foron valoradas en 6.000.000 pesetas. Pouco puideron facer os bombeiros que chegaran de Santiago con bastante retraso. O seu propietario, José  Resúa Otero, mantiña a intención de reconstruílo.

Logo dunha reparación, seguiu activo até os finais dos anos 90, cando novamente volve ser pasto das chamas... A última película posiblemente fose a proxectada en abril de 1998: "Sólo en casa".

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa de Manuel Antonio de Asados

Escola de Quintáns

Escola de Abuín

Casa Nº 3 de Sestelo