Casa de Castelao

Casa de Castelao - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: roteirocastelao.gal

Esta edificación de finais do século XIX principios do século XX, foi a casa natal de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, declarada BIC (Ben de Interese Cultural) en 2007.

Edificación entre medianeiras de planta rectangular e tres andares con cuberta a dúas augas de tella. Está realizada con muros de cachotaría de granito con remates en cantaría nos recercados, esquinas, zócalo e imposta. Composición simétrica na fachada principal, con tres vanos por planta. Dous accesos en planta baixa, balcóns con varanda de ferro na intermedia e galería de aluminio no piso superior.

Os Castelao e os Dieste tiñan os domicilios moi próximos, só se metía unha casa polo medio; polo que podían comunicarse perfectamente desde as fiestras. Cabe pensar que esta proximidade propiciaría o compañeirismo entre o irmán maior de Rafael Dieste, Eduardo, e Castelao.

Ambos estudaron en Santiago, Eduardo, en principio no Seminario, e despois Filosofía e Letras. Castelao, logo de rematar o bacharelato, ingresa na Facultade de Medicina. Sen embargo, tanto un coma o outro sentíanse máis escritores e artistas que outra cousa. Cando coincidían en Rianxo sempre estaban argallando algún enredo.

En vida das irmás de Castelao esta casa funcionou coma un santuario do galeguismo. Por alí pasaron tanto históricos personaxes republicanos, como escritores e políticos da nova democracia. Mais unha vez desaparecida a irmá menor do autor de Sempre en Galiza, esmoreceu o lume da galeguidade no fogar máis emblemático do nacionalismo. A casiña de Rianxo, que tan ben cantara o seu preclaro amigo Otero Pedrayo, quedou baleira e esquecida.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola da Emigración de Rañó

Casa Adelaida

Casa da República

Pazo de Rianxiño