Mámoa Nº 4 dos Campiños

Mámoa Nº 4 dos Campiños - Rianxo - Santa María de Isorna

Imaxe: Megaliticia

Conxunto de seis túmulos megalíticos que forman a Necrópole dos Campiños, sita nunha chaira disposta lonxitudinalmente sobre a dorsal que cae desde o extremo sur do Monte Lioira. Os túmulos distribúense a ambos lados do camiño a escasos 50 metros do inicio da pista. Hai varias escavadas, mais a máis visible é a última a man dereita, que constitúe o túmulo máis grande.

Mide 19 metros no eixo L-O e 18 no N-S. O diámetro do pozo de saqueo é 3,20 metros no eixo N-S e 4,30 no L-O, a altura máxima do túmulo é 1,79 metros e a profundidade máxima do pozo de saqueo é 1,72 metros. Localízase a 5,50 metros da marxe esquerda do camiño que discorre en sentido N-S o Campo Grande.

Na cámara conserva seis lousas de granito escasamente desprazadas do que debeu ser a súa posición orixinal, e no fondo outras dúas. É probable que a cámara orixinal estivese composta por 10/12 lousas ao abeiro da disposición e distribución que presentan as actuais. Das seis lousas que se atopan erguidas na cámara, soamente despuntan catro por riba da masa tumular. Semella que o acceso á cámara estaba situado cara ao sueste, onde se evidencia un derrubamento que o puidera estar tapando.

Nunha das lousas erguidas, situadas ao carón do corredor, presenta marcas de cantaría tradicional. Cara ao leste, e tirada sobre a masa tumular, atopouse outra lousa tamén con marcas de extracción.

No sector leste e oeste da masa tumular aflora gran cantidade de cachote de granito, o que revela a existencia dunha coiraza de recubrimento. Cara ao sector suroeste hai varias fochancas que teñen alterado substancialmente a configuración tumular.

A 8 metros do borde do túmulo, cara ao sur, localízanse varias lousas-afloramentos que puidese ser o sitio de aprovisionamento para os construtores do túmulo.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Castro Barbudo

Petróglifo Nº 2 de Quintáns

Mámoa Nº 5 dos Campiños

Mámoa Nº 10 do Monte Picoto